Saturday 16 de November de 2024

O Castelo de Narahío presenta o XXIV Festival do Río Castro lembrando o legado de Cantareliña


O evento terá lugar no local social da Veiga -ao pé do campo de fútbol- a partir das 18.00h.

No primeiro sábado de xuño -ou o último de maio, dependendo como cadre- temos desde hai anos unha cita obrigada: a presentación do cartel do Festival do Río Castro. O evento serve para desvelar quen actuará en cada edición e, ademais, tamén é en si mesmo unha pequena festa da cultura e da música. Este sábado a tarde comezará en Naraío a iso das 18.00h. co campionato de xogos populares por equipos -chave, rá e brilé- e inclúe unha charla sobre a historia do festival da canción infantil Cantareliña, que se desenvolveu en San Sadurniño entre 1983 e 1990 impulsado polo crego Ramón Díaz Raña. Falará daqueles anos Martín Sanjurjo, colaborador de Díaz xunto co resto de integrantes de Saraibas e outras persoas implicadas no movemento social da época. Pero hai máis: un concerto de Sanjurjo&Dopico e os saborosos petiscos de xamón escaldado, que tamén son xa un clásico da presentación.

Cantareliña naceu inspirada polo festival da canción infantil italiano Zecchino D’Oro. Díaz Raña porfiou en por en marcha en Galicia algo semellante, armando para iso un concurso protagonizado por nenos e nenas de 12 anos como máximo que participaban primeiro en cadanseu concerto provincial e, finalmente, acudían a unha gala final en San Sadurniño. Á súa vez, coas cancións editábanse discos, casetes e libretos, sempre baixo o lema “mentres canten os meniños, Galicia será inmorrente”.

En palabras da comunicadora multimedia María Yáñez -participante de pequena no festival-, Cantareliña “converteuse nun fito da cultura galega que abriu un camiño moi importante para a normalización ligüística, mesmo antes de que a TVG nacese ou a lingua galega penetrase na EXB”.

O Castelo de Narahío quere renderlle tributo ao evento “polo que supuxo de compromiso coa creación e, máis que nada, co idioma, nun tempo en que non existían tantas posibilidades materiais, económicas e de comunicación como hai hoxe”, tal e como apuntan desde a entidade veciñal. A asociación -que dirixe a maior parte da súa actividade ao público infantil- manifesta neste sentido que “urxe tomar exemplo de Cantareliña e do seu legado como unha das posibles maneiras de frear a perda de falantes, sobre todo entre a poboación máis nova”.

Para falar da historia de Cantareliña, a asociación veciñal de Naraío convidou a Martín Sanjurjo quen, ademais, forma parte de Sanjurjo&Dopico. O grupo ofrecerá un pequeno concerto ás 21.30h., xusto despois de coñecer a programación e o deseño do cartel do XXIV Festival do Río Castro, que se celebrará no lugar da Bóla o sábado 1 de xullo. Na organización colaboran o Concello de San Sadurniño, a Cooperativa de Meirás e, previsiblemente, tamén a Deputación da Coruña, a quen a asociación lle ten solicitada axuda económica a través da liña de subvencións para festivais musicais.

Porén, antes do concerto, o público asistente poderá degustar de balde uns petiscos de xamón escaldado e tamén participar no campionato de xogos populares que se disputará no campo de fútbol de Naraío a partir das 18.00h. Xogarase por equipos a tres disciplinas: chave, rá e brilé.

Os equipos poden estar formados por cativería e persoas adultas. Iso si, deberán ser mixtos e equilibrados en xénero xa que, tal e como comenta a directiva da entidade “a igualdade hai que construíla día a día, en todos os ámbitos e con pequenos xestos que lle dean exemplo ás nenas e nenos”.