Xa se poden solicitar os carnés de bañista para esta tempada, así como as inscricións para os cursos de natación para persoas adultas e nenos e nenas
O vindeiro 17 de xuño a piscina municipal exterior do Muíño abrirá as súas portas e pechará o 10 de setembro. Desta maneira adiantarase o inicio de tempada con respecto a anos anteriores.
Quen desexe facer un carné para esta tempada pode solicitalo xa na Concellería de Deporte, situada no primeiro andar do Concello. Será preciso que ademais dos seus datos persoais achegue tamén unha fotocopia do DNI e unha fotografía tamaño carné. No caso das persoas adultas o custo para toda a tempada será de 20 € e para as menores 12 €. Tamén se poderá adquirir por mensualidades, en cuxo caso o prezo será de 12 e 6 € respectivamente. No caso de xuño esta contía reducirase a 2,6 e 5,2 €, mentres que en setembro será de 2,2 e 4,4 €, segundo sexan para menores ou maiores. Os prezos para adquirir entradas por xornadas soltas será de 1,50 € para as persoas adultas e de 1 € para os nenos e nenas.
Ademais, ata o 23 de xuño estará aberta a inscrición para participar nos cursos de natación que terán lugar nas mesmas instalacións en xullo e agosto. Para iso os/as interesados/as a partir de 3 anos deberán apuntarse na Concellería de Deportes de 9 a 14 horas. Os prezos oscilan de 30 a 20 € mensuais segundo sexan maiores de 16 anos ou non. As clases terán lugar de luns a venres en horario de mañá. O aboamento desta tarifa concede o dereito de poder utilizar as instalacións da piscina durante o mes correspondente, tendo descontos do 50% para as familias numerosas.