O obradoiro de teatro infantil representará “Os amantes de Nápoles” o próximo mércores 14 de xuño, ás 20:00 horas, no centro cultural
O Concello de Oroso vén de clausurar os Obradoiros Culturais de 2017 coa entrega de diplomas aos 85 veciños e veciñas participantes, así como coa inauguración dunha exposición cos traballos realizados durante o curso que se poderá visitar no centro cultural de Sigüeiro ata o vindeiro 10 de xuño.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, destacou a gran calidade dos traballos expostos pois “parece que foron feitos por artistas profesionais, polo que debo de darvos os parabéns polo voso traballo e por participar nestas actividades, que son moi boas para o futuro porque a cultura é algo que se leva dentro e ninguén nos vai poder quitar”. Antes de dar por inaugurada a exposición, Mirás e os concelleiros do Grupo de Goberno fixeron entrega dos diplomas acreditativos de ter participado nos Obradoiros Culturais 2017, tanto na modalidade de adultos como na modalidade infantil.
Teatro infantil
Os que agardarán ata o mércores 14 de xuño para amosar o seu traballo ao longo deste ano, son os 11 nenos e nenas participantes no Obradoiro de Teatro Infantil. Será entón cando poñan sobre o escenario do centro cultural de Sigüeiro a obra “Os amantes de Nápoles”, unha versión libre da obra “O achado do Castro”, de Manuel Núñez Singala, adaptada e dramatizada por Anna G. Reig. A cita é o mércores 14 de xuño, ás 20:00 horas, no centro cultural de Sigüeiro. Entrada libre e de balde ata completar aforo.