Outros dez adultos de Idiomas tamén ensaian a súa estrea lírica en francés
O venres, 2 de xuño, alumnos e alumnas dos CPI de San Sadurniño e As Mirandas de Ares estrean dúas óperas compostas e producidas por eles mesmos neste curso 2016-17. As óperas son resultado da implantación do proxecto LÓVA (La Ópera, Vehículo de Aprendizaje). LÓVA é un proxecto educativo interdisciplinar e innovador que foi elixido pola Unión Europea como proxecto educativo español de referencia para desenvolver a conciencia e a expresión cultural.
Son 21 nenos e nenas de 5º de primaria os que formaron a compañía de ópera Bombiglobo do CPI San Sadurniño, que estrea a peza de teatro musical De camiño á realidade na Casa da Cultura de San Sadurniño con pases este venres ás 10:30 h. e ás 12:30 h. Os nenos e nenas de entre 10 e 11 anos son os únicos responsables do espectáculo. Será un ensaio xeral para a gran actuación no Teatro Jofre o 20 de xuño, ás 19 h.
O CPI San Sadurniño xa ten experiencia nestas representacións musicais, moi significativa e gratificante. Levan catro anos facéndoas con gran aceptación da rapazada e éxito de público. Tamén os pais e nais están encantados coa marcha do proxecto polos bos resultados que se notan tanto no ámbito escolar como na vida cotiá. Os seus pequenos aprenden e desenvolven habilidades sociais na xestión de conflitos, o liderado ou o aumento do grado de responsabilidade. Baixo a coordinación do titor de primaria, Juan Manuel Fernández, e a profesora de música, Ana Isabel Vázquez, os alumnos e alumnas organizáronse en equipos profesionais que fan de todo: escribir o libreto, dirixir a produción, compoñer e interpretar a música, confeccionar o vestiario, realizar a campaña de prensa, fabricar a utilería, crear a iluminación, deseñar a escenografía e así, ata completar todas as tarefas propias dunha compañía de ópera profesional.
Froito da gran calidade do traballo realizado, San Sadurniño quedou clasificado recentemente entre os 8 finalistas do VII Concurso de Buenas Prácticas Educativas pola Asociación Mejora tu Escuela Pública, dentro da modalidade A – Centros de Infantil, Primaria e Educación Especial. A este concurso presentáronse 240 centros públicos de toda España coas experiencias educativas levadas a cabo durante o curso 2015-16.
Tamén o CPI As Mirandas asumiu o reto de abrir a aula ás emocións, á imaxinación e ao esforzo compartido. A mestra Lara Mª Valcuende, que impulsou en 2011 o nacemento da primeira compañía de ópera infantil en Galicia, no CEIP Augusto Assía da Mezquita en Ourense, implantou LÓVA neste curso neste colexio de Ares. Alumnado de 2º de primaria e 4º da ESO creou a súa compañía de ópera: Vidriera e Luz Única. Estas compañías produciron a peza de teatro musical Un cambio inesperado, que estrean o día 2 de xuño ás 18:30 h. no casino de Franza en Mugardos. Os días 8 e 9 de xuño haberá outros pases no casino de Ares ás 11 h. Os asistentes ás actuacións poderán axudar voluntariamente á iniciativa solidaria Una cura para Adri.
Pero non só os pequenos gozan coa música, tamén 10 adultos de entre 30 e 60 anos, alumnos e alumnas da Escola Oficial de Idiomas da Coruña están emocionados e moi implicados na preparación dunha ópera en francés, guiados pola coordinadora do Departamento de Francés, Beatriz Arboleya. Empezaron o proxecto o pasado 17 de xaneiro formando a compañía Les mardiZensemble e agardan representar a súa primeira ópera no último trimestre deste ano. As dinámicas de relacións sociais e de aprendizaxe xeradas durante o proceso de montaxe da peza de ópera foron de tal alcance que a escola decidiu presentar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. unha programación para incluír o proxecto nun curso de idioma avanzado non certificativo a partir do vindeiro curso.
O 11 de xuño, os colexios e a Escola Oficial de Idiomas participarán na Gala de la Educación que se celebrará en el Teatro Real de Madrid, con motivo de la conmemoración do décimo aniversario do proxecto LÓVA en España. Será un encontro especial que lles permitirá amosar o esforzo realizado nestes anos e compartir experiencias educativas de aprendizaxe para a vida.