Na actualidade estanse a estudar máis de 540 solicitudes presentadas este ano, entre axudas á incorporación de mozos a actividades agrarias, e de modernización
A Consellería do Medio Rural apoiou o ano pasado a 146 titulares de explotacións agrarias da provincia da Coruña achegando axudas que suman 8,9 millóns de euros, destinadas a modernizar as súas producións a través dos plans de mellora. Dáse a circunstancia de que a provincia da Coruña recibe o 28% do total de proxectos aprobados de Galicia, que supuxeron investimentos totais por 36 millóns de euros.
Os beneficiarios desta liña de axudas son agricultores, gandeiros e produtores avícolas de que reciben unha axuda media que supera os 60.000 euros que poderán destinar a financiar os investimentos materiais e inmateriais que supoñan unha mellora do rendemento global ou a viabilidade da súa explotación. Esta mesma liña de axudas permitiu apoiar o investimento que se comprometen a executar os beneficiarios nos concellos coruñeses e que suporá a posta en marcha de iniciativas tan diversas como a compra de nova maquinaria, gastos para a elaboración de proxectos técnicos de construción ou reforma das explotacións, permisos, licenzas, plantación e mellora de cultivos, a compra de terreos e adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos.
Así mesmo, no ano 2016 aprobáronse na provincia 164 solicitudes de achegas para a incorporación de mozos ás actividades agrarias e gandeiras, cun investimento total de 6,7 millóns de euros e unha axuda media de 40.000 euros. Deste xeito, o Goberno galego reforza a súa aposta polas pequenas explotacións e máis concretamente por impulsar a calidade das súas producións.
Fase de valoración para 2017
Na actualidade atópanse en fase de valoración as solicitudes de axudas para incorporación de mozos á actividade agraria, para modernización de explotacións a través de plans de mellora e para o desenvolvemento de pequenas explotacións que foron presentadas ate o pasado 15 de maio. Estas liñas veñen de incrementar o seu orzamento, que pasou de 60 a 65 millóns de euros. En concreto, para as axudas de plans de mellora a contía será de 40 millóns, para incorporación de mozos será de 20 millóns e para pequenas explotacións de cinco millóns. Na provincia da Coruña presentáronse un total de 545 solicitudes, das cales 128 son para a incorporación de mozos, 385 para plans de mellora e 32 para axudas a pequenas explotacións.
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, deu a coñecer estes datos no transcurso dunha visita á empresa Terras de Bustelo, en Coristanco, unha explotación agraria dedicada á pataca, perexil, acelga, nabiza, grelo, verza e xeno. Desde a súa fundación, no ano 2004, Terras de Bustelo recibiu diferentes axudas que derivaron na incorporación de dous traballadores e en diferente melloras e ampliacións da súa actividade. Na actualidade conta con 12.000 metros cadrados de invernadoiro e 20 hectáreas ao aire libre, das que 14 están dedicadas á produción de pataca. Rodeiro saudou aos dous socios e aos catro traballadores por conta allea con que conta a explotación, que en campañas como a da pataca recorre á contratación temporal de máis man de obra.
Rodeiro aproveitou para destacar a forte e decidida aposta da Xunta polo ámbito rural e as persoas que viven nel. Ao respecto, sinalou que “queda moito por avanzar e por conquistar no rural. O compromiso de Goberno galego é seguir creando máis emprego, apoiando ás familias para que aposten polo rural para vivir, incrementando os servizos públicos, avanzando na innovación e modernizando as instalacións”. O delegado destacou outras vías de axuda como “cero impostos para calquera que queira emprender no rural, cero impostos para os mozos que queiran vivir no rural e o compromiso total para impulsar o rural”.