Saturday 23 de November de 2024

Acto de graduación de 31 alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato do IES de Brión


O salón de actos do IES de Brión quedou pequeno para acoller o acto de graduación dos 31 alumnos e alumnas de Segundo de Bacharelato, que nos próximos días afrontarán as probas de acceso á Universidade. Un acto no que participaron o alcalde de Brión, José Luís García; a concelleira de Ensino, Yolanda Bouzas; e o director do IES de Brión, José Antonio Caneda, á fronte de todo o profesorado do centro.

José Antonio Caneda entregou un diploma acreditativo da concesión dunha Matrícula de Honra ao alumno Lois Meira López, así como varias Mencións Especiais ao alumnado con excelente expediente académico. Alba Suárez Arufe, como representante do alumnado, bromeou dicindo que “segundo de bacharelato non debería ser un curso académico, senón un método de tortura”. Así mesmo, amosouse convencida do potencial desta xeración: “máis co destino, o que conta é o camiño. Dá igual o que fagamos, en tanto cambiemos algo de como estaba. Non somos unha xeración máis, estamos preparados para algo grande e volver aquí para contar o que realmente fixemos”.

Pola súa banda, o alcalde brionés agradeceu o traballo realizado tanto polo profesorado e equipo directivo do IES Brión, como polas familias dos rapaces e rapazas que se gradúan este ano. Finalmente, e antes o nerviosismo dos presentes ante a proximidade das probas de acceso á Universidade, García indicoulles que “a vosa vida non remata dentro de dúas semanas. Ao contrario, ese exame só é o punto de partida para unha nova e ilusionante etapa das vosas vidas. Recibistes unha boa formación neste instituto e estades preparados para afrontar con éxito calquera desafío. Ese exame non é máis ca o primeiro de moitos desafíos que ides afrontar na vosa vida. E superalos é o que se adoita chamar madurar”.

Finalmente, José Antonio Caneda agradeceu a colaboración do Concello de Brión e o traballo das familias “que compartistes o paso por este segundo de bacharelato”. Ao alumnado, de quen lembrou que “sodes a primeira promoción LOMCE, e iso non foi unha sorte porque sufristes todos os cambios”, Caneda díxolles que “non vos deixamos o mellor dos mundos, pero podedes ir buscando solucións. E por iso é importante que vos formedes e vos impliquedes en traballar por un mundo máis xusto”.