Con este proceso reorganizador Ordes ten concentrada a día de hoxe o 78 % da súa superficie. O investimento é de 2.463.000 €, que na súa meirande parte corresponden á rede de camiños e ao acondicionamento de leiras
A conselleira de Medio Rural presidiu esta mañá a entrega dos 908 títulos de propiedade da concentración parcelaria da parroquia ordense de Leira. Ánxeles Vázquez Mejuto estivo acompañada polo alcalde do municipio e a primeira tenenta de alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, ademais do director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois.
O investimento total ascendeu a algo máis de 2.463.000 euros, dos cales preto de 1.860.000 € corresponden á execución das obras da rede de camiños e ao acondicionamento das leiras. De feito, interveuse sobre algo máis de 32 quilómetros de vías.
Con esta reorganización Ordes pasa a ter concentrada un 78,22% da súa superficie, a falta das parroquias de Ordes e Poulo. No caso desta última a Consellería agarda ter listo o decreto a finais deste ano ou a principios do que vén, tal e como avanzou hoxe a conselleira. Pendente está a día de hoxe a resolución de recursos e a entrega dos títulos correspondentes aos procesos abertos de Beán-Pereira II, Buscás II (San Paio), Mercurín-Lesta II, Montaos II (Sta. Cruz), Parada II (Sta. Mariña) e Vilamaior-Barbeiros II. En conxunto todas estas actuacións alcanzan unha superficie de 6.371 hectáreas.
Máis de 2.000 parcelas
En conxunto as 7.786 parcelas escrituradas no seu día pasan a ser a día de hoxe 2.058, situadas nunha extensión de 1.469 hectáreas. Deste xeito a media de parcelas por titular pasan de 11,07 a 2,71, cunha dimensión de preto de 6.921 metros cadrados cada unha.
Con este acto remátase un procedemento iniciado hai 27 anos. “Un período de tempo excesivo por parte da administración. Algo que non se pode repetir e que dende a Consellería de Medio Rural estamos a tratar de corrixir”, asegurou Ánxeles Vázquez. A conselleira destacou que “este proceso permite aumentar a base territorial das explotacións e facelas máis competitivas”. Outra das vantaxes comentadas hoxe foi “a mellora da comunicación entre a veciñanza grazas ao arranxo e á creación de novas camiños de acceso ás parcelas”. Vázquez fixo especial fincapé no tema dos incendios e da prevención que supoñen neste eido as concentracións parcelarias, e animou a todas e a todos a emitir as denuncias correspondentes ante casos deste tipo. Por último abertamente compartiu a súa impresión positiva en relación co “interese e seguimento constante por parte do alcalde de Ordes neste proceso”. Pola súa banda José Luis Martínez Sanjurjo valorou positivamente as concentracións parcelarias deste tipo, considerándoas imprescindibles para o proceso dinamizador e de crecemento das zonas rurais.
A Consellería do Medio Rural ten un investimento programado de 72 millóns de euros nesta lexislatura para a cohesión territorial do territorio galego. Dese orzamento, 26,9 millóns corresponden ás actuacións previstas en 2017 para avanzar en todos os procesos de reestruturación abertos no territorio e que ascenden a máis de 116.000 hectáreas.