A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio celebrou hoxe en Cecebre o XXV Aniversario da aprobación da Directiva de Hábitats xunto cun grupo de alumnos do CEIP San Marcos
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou o coñecemento como o “primeiro paso” para garantir a conservación e a supervivencia dos hábitats naturais máis valiosos. Así o manifestou esta mañá durante a realización, no Observatorio de aves de Cecebre, de diversas actividades lúdico-didácticas nas que participaron alumnos do CEIP San Marcos de Abegondo, con motivo da celebración do XXV Aniversario da aprobación pola Unión Europea da Directiva de Hábitats.
Así, mediante a realización dunha carreira de relevos, os rapaces puideron comprender que a conservación do patrimonio natural “é unha misión de todos” -grandes e pequenos-, “que debe transmitirse, como acabades de facer agora, dunha xeración a outra”, explicou Beatriz Mato. Neste caso, unha bandeira co logotipo da Rede Natura 2000 simbolizaba o relevo, que foi pasando de mans a mans ata chegar á meta onde agardaba a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Deste xeito, a titular do departamento autonómico felicitou aos alumnos do colexio de San Marcos por completar esta carreira en defensa do planeta coa que se pretendía destacar a importancia do coñecemento e o recoñecemento do patrimonio natural como os grandes aliados a prol da súa conservación e a súa preservación.
Neste senso, Mato Otero lembrou que Galicia conta con 59 Zonas Especiais de Conservación (ZEC) e 16 de especial protección para aves (ZEPA), que, en total, suman preto de 400.000 hectáreas mariñas e terrestres de espazos especialmente sensibles e dos máis valiosos de Europa. “E hoxe o celebramos en Cecebre, que forma parte destes 59 ZEC que existen na nosa Comunidade autónoma”, engadiu a conselleira.
Ademais, recordou que hai xa 25 anos da aprobación por parte da Unión Europea da Directiva de Hábitats, que deu lugar á creación da Rede Natura 2000 e permitiu establecer as ferramentas necesarias para garantir a conservación e a supervivencia de especies e paisaxes únicas no planeta.
Por último, a conselleira insistiu en que a rede europea naceu co espírito de protexer un “tesouro”, polo que invitou aos rapaces a sumarse a este obxectivo e implicarse no coidado das árbores, dos animais, das plantas e dos recursos hídricos.