Sunday 24 de November de 2024

Cambre ordena a demolición dun edificio de tres plantas en Sigrás


O Concello de Cambre ordena a demolición inmediata dun edificio de tres plantas en Vos Campóns (Sigrás) que se levantou en 1995 e que se paralizou en 1998 ao incumprir a normativa urbanística.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou un recurso do promotor en 1998 contra a resolución de 1995 onde se instaba non só a paralizar a mencionada construción senón a tramitar o pertinente expediente de demolición.
O goberno local de Cambre, tras constatar que as obras se atopan paralizadas e sen que o interesado iniciase o expediente de demolición solicitou informe ao arquitecto municipal.

O técnico informa en 2017 que as obras denunciadas non son legalizables posto que incumpren a normativa subsidiaria que rexe o plan cambrés. A edificación, sostén, incumpre a tipoloxía de vivenda e a altura máxima permitida, polo que resolve ordenar a demolición da esrcutura ao non poder ser legalizables. Neste caso as normas para chan urbano de núcleo rural establecen que a máxima altura é baixo+1 planta.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Leirós, asinou unha resolución a pasada semana na que dá un mes de prazo aos interesados para que presenten o proxecto de demolición e un mes para a derriba.
De non tomar estas medidas o promotor será sancionado mensualmente con multas reiterables que poderían supoñer entre 1.000 e 10.000 euros cada mes que non se acate a resolución.
Dado o caso, actuarase de forma subsidiaria procedendo á demolición do inmoble por parte do Concello e pasando os custos da actuación ao propietario. Esta operación enmárcase na política do goberno local de actuar cos expedientes de disciplina urbanística que en mandatos anteriores habíanse “esquecido”.