O servizo de restauración limpou e recuperou en 2016 preto de 380 documentos, entre eles os exemplares da causa penal contra Romasanta, o lobishome de Allariz
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Arquivo do Reino de Galicia, onde coincidiu cun grupo de alumnos da Universidade da Coruña, dentro do ciclo de visitas que mantén regularmente o centro documental e bibliotecario. Foi recibido pola directora, Carmen Prieto. O Arquivo do Reino de Galicia é na actualidade un centro de titularidade estatal con xestión transferida á Xunta de Galicia, que recibe, custodia e difunde fondos documentais de ámbito galego, nomeadamente coruñés, de natureza pública e privada. Depende organicamente do Servizo de Coordinación da Área Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na Coruña, e funcionalmente da Subdirección xeral de Arquivos, dentro da Secretaría xeral de Cultura da Consellería.
O Arquivo reúne máis de 250 fondos diferentes que comprenden 154.000 unidades de instalación e 132.000 unidades documentais. Todos eles ocupan uns 22.500 metros lineais de andeis, aproximadamente. A súa cronoloxía é amplísima pois vai desde o ano 867 ata 2006. Durante o ano 2016 pasaron polas súas dependencias, sitas nos Xardíns de San Carlos, 2.552 usuarios presenciais que realizaron máis de 5.700 consultas aos seus fondos. Ademais, atendéronse 467 consultas por correo electrónico. Cun tempo de resposta medio de 2,5 días. O Arquivo mantén un servizo de restauración de documentos no que o ano pasado realizáronse 193 limpezas documentais e encadernáronse 186 unidades, entre elas, os exemplares numerados da publicación sobre a causa contra Manuel Blanco Romasanta, o lobishome de Allariz.
Na actualidade remiten regularmente os seus fondos documentais ao Arquivo por transferencia os órganos da Administración xeral do Estado e da xudicial, as delegacións da Xunta na provincia da Coruña. Recolle ademais fondos por outras formas de ingresos: doazóns, depósitos en réxime de comodato e compras. Por esta modalidade tiveron entrada no Arquivo do Reino de Galicia fondos documentais coma o do Colexio de Arquitectos de Galicia. Así mesmo, custodia arquivos de empresas como Faustino Fernández Manzano ou Hijos de Simeón García y Cía de Vilagarcía de Arousa. Entre os seu fondos tamén se atopan arquivos de familias como o marquesado de San Martín de Ombreiro, condado de Priegue, Pazo de Brandeso ou Torre Xunqueiras; e arquivos individuais, entre os que destacan os de María Barbeito, Carlos Martínez-Barbeito ou Ricardo Palmás.
Creado para custodiar a documentación producida pola Real Audiencia de Galicia, convertida máis tarde en Audiencia Territorial da Coruña, desde finais do século XIX e, sobre todo a partir do século XX recibirá tamén documentación doutras institucións de ámbito territorial galego. Finalmente distintas normas asignaranlle o papel de Arquivo Histórico Provincial da Coruña para os documentos da Administración central periférica, primeiro, e da autonómica despois. Custodia tamén fondos privados e amplas coleccións.
Orixe xudicial
Historicamente, o Arquivo do Reino de Galicia recibiu en primeiro lugar transferencias documentais da Real Audiencia de Galicia e do organismo que a substituíu, a Audiencia Territorial da Coruña. No século XIX recibiu ademais fondos da Real Intendencia de Galicia, do antigo Xulgado de Correos e Camiños e protocolos notariais de escribáns defuntos. Xa no século XX comeza a recibir fondos de ámbito provincial e de carácter rexistral, xudicial e da Administración central periférica: Contadurías de Hipotecas, Tribunais laborais da provincia da Coruña, Delegación de Hacienda, Delegación Provincial de Educación, Goberno civil ou Delegación Provincial da Organización Sindical, entre outras.
Ovidio Rodeiro percorreu as diferentes dependencias, e amosouse especialmente sorprendido polo traballo que desenrola o departamento de restauración. O delegado territorial pediulle á directora que trasladase a todo o persoal da súa felicitación “por un traballo que poucas veces ten a visibilidade que debera, pero que resulta fundamental para a conservación e difusión do nos patrimonio cultural”. Rodeiro cualificou o Arquivo do Reino de Galicia como “o depositario do mellor tesouro que temos os galegos: o noso pasado. Sen pasado non temos futuro e aquí, en realidade, o que temos gardado é o futuro; o noso porvir como pobo”.