Saturday 16 de November de 2024

A Fundación Celta organizará un Campus de Verán do 31 de xullo ao 4 de agosto na Fieiteira para rapaces de 4 a 16 anos


O campo de fútbol da Fieiteira vai dar cabida do 31 de xullo ao 4 de agosto a un campus de verán organizado pola Fundación Celta.

Álex Abalde, coordinador dos campus da Fundación Celta, foi quen explicou os detalles desta iniciativa que se incardina dentro do convenio de colaboración subscrito por esta entidade co Atlético Riveira que xa permitiu desenvolver tamén outras accións como o clinic que no pasado nadal contou coa asistencia de máis de 60 rapaces.

O campus terá lugar de luns a venres en horario de 10 a 14 horas agás o último día no que se prolongará ata as 17 horas e incluirá unha comida. Está dirixido a rapaces de entre 4 e 16 anos e a metodoloxía contará con catro áreas de traballo (técnico-táctica, coordinación, multideporte e competición) “para que os participantes aprendan, xoguen e se formen nuns valores comúns aos das categorías inferiores do Celta”.

O prezo por participar é de 130 euros para externos e 115 euros para internos. Inclúe entre outros conceptos unha equipación completa de Adidas. A inscrición pódese formalizar a través da páxina web www.fundacioncelta.com.

O alcalde Manuel Ruiz, tamén presente, manifestou o seu optimismo en torno a que os rapaces que tan ben están traballando aquí sexan útiles ao fútbol galego e “algún día poidan chegar onde xa o fixo un riveirense como Suco II, que tantos anos estivo no Celta”.