Friday 22 de November de 2024

IES Maruxa Mallo, lugar de lanzamento para a primeira sonda estratosférica da Axencia Espacial Escolar Galega


Recolleranse datos científicos, meteorolóxicos e tamén sobre a capa de ozono a máis de 2500 m de altura. Incluíronse sementes, miñocas e mostras de saliva para posteriores experimentos científicos. O alcalde e a edil de Deportes asistiron a esta cita que congregou a centos de persoas

Tras dous aprazamentos en datas anteriores por motivos relacionados con aspectos meteorolóxicos por fin esta mañá centenares de estudantes puideron asistir ao lanzamento da sonda estratosférica da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA). Un acto que se desenvolveu no patio do IES Maruxa Mallo, onde se congregou un amplísimo número de medios de comunicación, ademais de profesores, profesoras, pais, nais e persoas afeccionadas. Tampouco faltaron o alcalde de Ordes e a primeira tenenta de alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira. Neste proxecto participan tres institutos públicos galegos de ensino secundario: o IES Maruxa Mallo (Ordes), o Miraflores (Oleiros) e o Marco do Camballón (Vila de Cruces).

Co proxecto preténdese reunir novos datos científicos e meteorolóxicos, chegar a unha altura superior aos 2.500 metros e gravar imaxes de calidade do espazo, e recoller información sobre a capa de ozono a través da ferramenta integrada Datalogger ozono. De feito na mesma sonda incluíronse sementes de fabas, miñocas e unha mostra de saliva coa que se realizarán posteriores experimentos científicos. A traxectoria da sonda puido ser seguida de continuo grazas á pantalla, previamente conectada a un ordenador, instalada na entrada do instituto. Está previsto que a primeira hora da tarde se poida recuperar pola zona norte de Lalín.

Segundo o reparto de funcións os encargados da área tecnolóxica foron os estudantes do Miraflores, mentres que os do Marco do Camballón e os do Maruxa Mallo responsabilizáronse da científica e da comunicativa respectivamente.

Orixe Marumasat
A orixe desta iniciativa científico-tecnolóxica atópase no proxecto MarumaSat ‘Cos pés no chan e os ollos nas estrelas’ desenvolvido o ano pasado. O pasado 20 de xaneiro na Casa da Cultura de Ordes tivo lugar o I Congreso MarumaSat, marco no que se constituíu a primeira Axencia Espacial Escolar Galega baixo o nome de NOSA. Un acto no que participou o alumnado dos tres institutos e que contou coa presenza da edil de Educación do Concello de Ordes, Susana García.