Friday 22 de November de 2024

Maximino Pérez Abuin presentou en Lousame a súa primeira novela, “La historia de Laura Scott”, ambientada nas minas de San Finx



Teresa Villaverde felicitou a HFD Editorial e a Maximino Pérez “pola súa primeira novela e por poñer en valor un patrimonio que pertence a todos os veciños de Lousame xa que nos permite recordar o que aló sucedeu”

Máis de medio cento de persoas arrouparon na noite do sábado a Maximino Pérez Abuin na presentación da súa primeira novela, “La historia de Laura Scott”, celebrada na Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame. Pérez Abuin estivo acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais; o coordinador da asociación cultural Barbantia, Xoán Pastor Rodríguez; e polo xerente de HFD Editorial e presidente da Federación de Empresarios do Barbanza, José Ramón Romero.

“La historia de Laura Scott” é unha novela que mestura espionaxe e amor, está ambientada na II Guerra Mundial e describe con precisión como era a vida nas minas de San Finx, que producían wolframio para a industria armamentística nazi. Maximino Pérez explicou que “esta novela tiña que ser en Lousame, porque foi onde nacín e as minas de San Finx sempre foron un misterio para min”. Así, explicou que a novela nace dunha visita ás minas en outubro de 2016. “Levaba 100 páxinas escritas doutra novela e cando cheguei aló atopeime cunhas minas moi distintas ás que imaxinaba e decateime de que o que escribira non sería para nada, pero me forcei a escribir 2.000 palabras ao día e así naceu o libro”.

Pérez Abuin explicou que “veño de escribir libros de texto e manuais. Escribir unha novela como esta é moi distinto. Facer un manual é un traballo, facer unha novela é unha satisfacción”. Así lembrou que cando entregou o primeiro borrador “estaba arredor das 700 páxinas e empezamos a recortar, porque os custes eran moi elevados e ademais era difícil que alguén comprara unha novela de 700 páxinas dalguén descoñecido”. Unha novela que “ten unha linguaxe moi sinxela, con moito diálogo. Case parece máis un guión de televisión”, explica o autor.

Pola súa banda, Xoán Pastor comentou que “La historia de Laura Scott” é “unha novela de espionaxe, pero tamén de amor e cun pouco de novela histórica, pois inclúe unha recreación de ambientes de Lousame e de Noia que os lectores recoñecerán perfectamente. Ademais, ten un ritmo moi áxil que facilita a súa lectura”.

Promoción das minas

Finalmente, a alcaldesa Teresa Villaverde pechou a presentación agradecendo tanto a Pérez Abuin como a José Ramón Romero que escolleran Lousame para presentar esta novela “e felicitalos a un por ser valente e dar ese paso de escribir unha novela e ao outro por poñer en marcha unha nova empresa do ámbito cultural”. Villaverde destacou o traballo de investigación feito por Maximino Pérez para a redacción desta novela: “teño os mesmos recordos ca ti e é unha pena que o edificio onde estaba Laura xa non exista”.

Neste sentido, Villaverde explicou que obras como esta serven para achegar a historia do municipio ás novas xeracións. “É un patrimonio que pertencen a todos os veciños e veciñas de Lousame e que temos que conservar. Novelas como esta permiten que recordemos o que aló sucedeu”.

Pola súa banda, Maximino Pérez desexou que “ogallá a mina teña máis visitas pola novela” e comentou que “nun contexto de fame e despois da Guerra Civil, nas tabernas a xente liaba pitillos con billetes. E iso foi porque o wolframio pasou das 12 pesetas ás 300 pesetas, e porque en Lousame chegaron a vivir case 9.000 persoas”. Por iso, convidou a Barbantia “a facer algún tipo de acto literario na mina con todo o escrito sobre ela”.

O acto estivo amenizado musicalmente por un cuarteto de vento da Escola Municipal de Música de Lousame. Antes de pasar á sinatura de exemplares, a alcaldesa de Lousame entregoulle a Maximino Pérez unha placa conmemorativa, elaborada por membros de A Creba Saúde Mental.