Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño visita Pontevedra co gallo do Día Internacional do Medio Ambiente


Tal e como se anunciou no boletín Novas do mes pasado, o Concello organizou unha viaxe a Pontevedra para este sábado co gallo do Día Internacional do Medio Ambiente. A proximidade desa data é a escusa perfecta para coñecer algúns proxectos ambientais que se desenvolven na cidade do Lérez, pero tamén para dar unha volta pola que é, segundo a ONU, a cidade de Europa máis cómoda para vivir. A saída está posta para as 8.30h. de diante da Casa do Concello e quedan poucas prazas por cubrir. Para anotarse hai que chamar ao 981 490 027 antes das 14.00h. deste mércores.

A viaxe en autobús é gratuíta e as persoas que se apunten só deberán pagar alí os 19 euros do xantar, fixado para as 14.00h. no Pazo da Cultura, xusto á beira do río e moi preto do premiado casco histórico de Pontevedra. O menú: empanada, merluza en prebe á mariñeira, lombo asado con gornición, sobremesa, viños, refrescos e café.

Pero antes desa hora -e tamén despois- hai un programa de visitas para facer sen apuros. Está previsto chegar á cidade sobre as 10.15-10.30h., momento no que se iniciará unha visita guiada pola zona vella, declarada conxunto histórico-artístico en 1951e chea de casas señoriais, igrexas e prazas emblemáticas como a da Leña.

Logo, sobre as 12.00h. darase unha volta pola Illa da Xunqueira do Lérez, transformada a través dun proxecto artístico en Illa das Esculturas, con obras de Giovanni Anselmo, Fernando Casás, José Pedro Croft, Dan Graham, Francisco Leiro, Richard Long, Robert Morris e Anne e Patrick Poirier.

Despois do xantar haberá unha visita ao composteiro comunitario do Campus de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa da Universidade de Vigo e do Concello coa que se tratan todos os resíduos orgánicos do campus para producir un fertilizante de excelente calidade, ao tempo que se reduce a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.
Para pechar a xornada, os e as excursionistas -un máximo de 55- achegaranse ata a vila costeira de Combarro, no concello de Poio, protagonista de milleiros de postais grazas aos seus hórreos. Desde alí emprenderase a volta, con chegada prevista a San Sadurniño sobre as 22.00h.
Desde a área de Medio Ambiente, organizadora da viaxe, sinálase que quedan poucas prazas libres no autobús. Recordamos: para apuntarse hai que chamar ao 981 490 023 antes do mércores ás 14.00h. A viaxe é gratuíta e só haberá que pagar o xantar (19€).