Ao xantar, que rematou cun baile, estaban convidados, de balde, todos os veciños de máis de 60 anos empadroados na localidade e as súas respectivas parellas
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou na XX Festa dos Nosos Maiores, celebrada na carballeira de San Nicolao, en Frades, á que acudiu convidado polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez. Trátase dunha festa á que estaban convidados todos os veciños de máis de 60 anos empadroados en Frades e as súas parellas.
O programa de actividades para a XX Festa dos Nosos Maiores comezou cunha misa, que deu logo paso á actuación do dúo Eva e Camilo. O xantar foi a base de empanada, polbo, carne ao caldeiro, café e bebida, todo elo servido nunha gran carpa habilitada para a ocasión. Na sobremesa, a música música correu a cargo dos grupos folclóricos Sarillo de Aiazo, e Pinga de Troula, de Galegos, así como o xa mencionado dúo. Paralelamente, na Carballeira de San Nicolao celebráronse xogos populares. A Xornada rematou coa tradicional homenaxe do Concello de Frades ás persoas maiores de 90 anos presentes na festa. Tanto o xantar como as distintas actividades eran totalmente de balde, xa que é o propio Concello o que desde hai xa 20 anos vén organizado esta xornada a modo de homenaxe ás persoas maiores. Mesmo houbo servizo de autobús para aqueles que non puideron dispor de transporte particular.
O delegado territorial da Xunta agradeceu a invitación e aproveitou a ocasión para felicitar a todos os participantes “por chegar ata aquí e por facelo con estas gañas de troula e de pasalo ben”. Ovidio Rodeiro sinalou que “é de xustiza que a sociedade trate de devolvervos todo o esforzo e dedicación que levades investidos ao longo de toda unha vida”. Engadiu que “a Xunta fai un esforzo especial porque os galegos, que tanto levades feito por esta terra, teñades agora, cando menos en parte, a recompensa que vos merecedes”.
Rodeiro animou aos presentes a “manter a ilusión, facer cousas. Mantédevos sempre ocupados e aproveitade as oportunidades que están ao voso alcance. A Xunta traballa arreo para ofrecervos actividades e oportunidades para que a vellez sexa en realidade a vosa segunda e mais feliz xuventude”. O delegado territorial rematou confesando que “o certo é que dades envexa, da sa, desa que temos os que camiñamos cara a onde vos estades”.