Saturday 16 de November de 2024

Repartidos máis de 250 exemplares da guía “Descrición do Camiño Inglés / The English Way” no acto da súa presentación



Mirás salienta que “en Oroso fixemos moitas publicacións sobre o Camiño, pero todas por xente de aquí. Por primeira vez temos a visión dunha norteamericana, que seguro atraerá a xentes doutras culturas”

O centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro quedou pequeno para acoller a presentación da guía “Descrición do Camiño Inglés: da Coruña a Compostela / The English Way: A Coruña to Santiago de Compostela”, promovida polo Concello de Oroso e elaborada por Manuel Pazos e Trese Barton. Un acto que estivo presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e ao que asistiron practicamente todos os concelleiros dos distintos grupos políticos municipais.

Pese a que se dispuxeron máis de 170 cadeiras no salón de actos, houbo moito público que tivo que seguir a presentación de pe pero que non quixeron deixar pasar a oportunidade de facerse cunha destas guías, da que só onte se repartiron máis de 250 exemplares. Nos próximos días enviaranse tamén exemplares aos distintos puntos de información sobre o Camiño, bibliotecas e demais centros de interese.

A guía está escrita en galego e inglés e xira sobre o Camiño Inglés, se ben son dous textos totalmente independentes escritos un por Manuel Pazos, historiador de Marzoa (Oroso) e responsable do Arquivo Histórico Municipal de Fotografía, e Trese Barton, graduada en Estudos Internacionais de Detroit (USA). Ilustrada con máis de 200 fotografías a cor, conta con información histórica, mapas, indicadores de distancias, lugares de paso das etapas, listado de albergues e aloxamentos…

Unha guía diferente

“É unha guía caseira, unha ferramenta máis para describir o Camiño dunha forma divertida e visual, breve e concisa”, explicou Manuel Pazos, quen tamén puntualizou que “é unha guía diferente, pois non todo é bonito xa que no Camiño tamén hai feismo urbano e rural que nos avergoña”. Un punto no que afondou Trese Barton, quen contrapuxo “el deterioro de una ciudad como Detroit frente a lugares como Ponte Ulloa (Sigüeiro), un patrimonio histórico en medio de un parque con mucha vida y que es un ejemplo de cómo lo viejo puede convivir con lo nuevo, de cómo una construcción histórica puede tener su función en el siglo XXI”. Por iso, Barton advertiu de que “en el Camino existe también ese problema que terminó por deteriorar Detroit, aunque no tan grave”.

Por iso, ambos autores salientaron a necesidade de coidar o Camiño. “Estou orgulloso do que están facendo no Concello de Oroso para promover o Camiño. Ningún outro Concello fixo tanto como Oroso porque nós si somos conscientes de que é unha sorte que o Camiño cruce o concello de norte a sur”, asegurou Manuel Pazos. Un argumento que tamén utilizou Trese Barton, que mesmo se animou a falar unhas palabras en galego, e que asegurou que “hay que valorar el paisaje y la arquitectura, mimar el Camino como un tesoro”.

Nova visión

Pola súa banda, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás felicitou a Pazos e Barton polo seu gran traballo. “Trese Barton abriunos os ollos e fixo que poñamos en valor non só o noso patrimonio, senón tamén os nosos costumes. Manuel Pazos pode testemuñar a gran cantidade de publicacións que levamos feito en Oroso sobre o Camiño Inglés, en particular. libros, guías, cadernos de traballo… pero todas elas tiñan en común que eran traballos feitos por xente de Oroso. Por primeira vez temos a visión que unha norteamericana ten do noso Camiño. E penso que iso é moi importante porque Trese, cos seus ollos, veu cousas que lle sorprenderon pero nas que nós nunca repararíamos. Aspectos do Camiño que de seguro tamén sorprenderán e atraerán a xentes doutras culturas”, apuntou Mirás Franqueira.

O alcalde orosán tamén destacou o traballo realizado por Manuel Pazos, “que nos está axudando a recuperar a nosa memoria histórica en imaxes e documentos”, un traballo polo que recibiu o Recoñecemento Especial do Concello de Oroso a toda unha Traxectoria en 2015. Neste sentido, Mirás lembrou os inicios de Pazos, “cando veu á miña Asesoría a presentarme un proxecto: un libro sobre o Camiño Real, que era como antes se chamaba ao Camiño Inglés. Daquela Manolo era un mozo de Marzoa que buscaba achegas de empresas para poder publicar o libro “Os Camiños Antigos do Concello de Oroso. Guía do Antigo Camiño Real ou Inglés”. Estamos falando do ano 1996 e daquela o Concello de Oroso non tiña a sensibilidade que hoxe temos con estes temas. E foi a miña empresa, Asesoría Rafra, que patrocinou por completo ese primeiro libro escrito sobre o Camiño Inglés, en particular, e sobre Oroso, en xeral”.

Neste sentido, o alcalde defendeu que baixo o seu mandato o Concello de Oroso sempre se puxo á fronte da promoción do camiño. Así, o 16 de xaneiro de 1993, Oroso participou nunha xuntanza con outros municipios como Betanzos ou Neda para reclamarlle á Xunta que promovese o Camiño, que o sinalizase, que editase unha guía e que rehabilitara todo o patrimonio existente ao longo do camiño Xacobeo. “O certo é que pasaron xa 24 anos e as reivindicacións seguen a ser case as mesmas, pois aínda temos un tramo do Camiño de acceso a Sigüeiro que non vai por onde debería. É un tramo delimitado pola Xunta por pistas de concentración parcelaria, máis rápido, pero deixa a un lado o auténtico Camiño Primitivo, o que fai que os peregrinos se perdan gran parte do noso patrimonio como poden ser o Castro de Vilalbarro ou a fonte da Santiña. Xa llo comunicamos varias veces á Xunta e ao Xacobeo sen éxito, aínda que confío en que a boa disposición do xerente, Rafael Sánchez Bargiela, nos permita solucionar esta situación”.

Finalmente, Mirás aproveitou a ocasión para convidar aos presentes ao acto que terá lugar o próximo venres 2 de xuño, ás 20:00 horas, coa entrega dos premios da IV Gala da Cultura, do II Certame Internacional de Investigación do Camiño Inglés e a oitava edición do Concurso de Tapas. “Cultura, Camiño e a mellor gastronomía, que máis se pode pedir?”, rematou Mirás Franqueira antes de entregarlle un agasallo especial a Trese Barton: unha medalla conmemorativa do Concello de Oroso.
O acto estivo amenizado musicalmente polo grupo “Canta Compaña”, que interpretaron varias pezas de canto gregoriano medieval e varias cantigas de Santa María do Cancioneiro Mariano de Alfonso X O Sabio, así como pezas do folclore galego e unha especial en inglés dedicada a Trese Barton, que nun par de meses retornará ao seu Michigan natal.