O alcalde de Brión, José Luís García, foi o encargado de dar a saída
Da suspensión ao cheo absoluto en apenas 365 días. Despois dun ano de parón por problemas de liquidez e de medios, a terceira edición da Andaina Terras de Altamira está a resultar un éxito absoluto. Ás 9:00 horas tomaban a saída os 350 participantes inscritos nesta proba organizada pola Asociación O Esquío no Piñeiro e á cuxa organización se sumou este ano o Concello de Brión, que conta coa colaboración da Piscina Cuberta Municipal de Brión, da Federación Galega de Montañismo e do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre.
O alcalde de Brión, José Luís García, e o concelleiro de Deportes, Xesús Quintela, foron os encargados de dar a saída da proba dende a Carballeira de Santa Minia, que será o eixo central da Andaina pois dende ela partirán as tres probas que a compoñen, ata sumar un total de 50 quilómetros. Este primeiro anel, de 14 quilómetros, é o máis sinxelo e transcorre polas parroquias de Brión, Boullón e Os Ánxeles.
Dende o pistoletazo de saída se formaron dous grupos. Un primeiro reducido con atletas que afrontan a proba coma unha carreira campo a través e o grupo máis numeroso composto por máis de trescentas persoas que vai a ritmo de camiñata e repartidos en grupos de amigos/as. Ambos grupos están acompañados por membros da organización en bicicleta e por axentes da Garda Civil, que se encargan de asegurar o paso dos sendeiristas polas estradas que teñen que cruzar.
Este primeiro anel rematará ás 13:00 horas na Carballeira de Santa Minia, de onde sairán de novo os participantes que o desexen para percorrer os 22 quilómetros do segundo anel, o máis complicado da proba, e que os levará a coñecer os montes de Brión, pasando por contornas naturais de gran beleza como as beiras do río Tambre e lugares emblemáticos de Brión, como as Torres de Altamira que dan nome á proba. Ás 17:00 horas está prevista a saída do terceiro e derradeiro anel, de 14 quilómetros, que transcorrerá polas parroquias de Os Ánxeles e Bastavales, seguindo en gran parte do percorrido o cauce do río Sar.
Éxito de convocatoria
O director da III Andaina Terras de Altamira, Xosé Manuel Trigo, explica que “despois dun ano de parón é unha satisfacción ver que non só cubrimos as 350 prazas senón que tiñamos ata máis demanda da que podiamos xestionar. Cando decidimos apostar por incluír a nosa andaina dentro da Copa Galega de Andainas de 50 kms promovida pola Federación Galega de Montañismo non pensabamos que no primeiro ano iamos converternos nunha das que máis participantes ten de toda Galicia”.
Neste sentido, Xosé Manuel Trigo apunta que “andainas con máis tradición na nosa contorna tiveron entre 135 e 200 participantes. En Brión contamos con 350 e poderiamos ter chegado aos 400 sen problemas, pois tivemos que pechar as inscricións con moitos días de antelación. Agora só queda que o percorrido lles guste aos sendeiristas, que volvan para o ano que vén e que a Andaina Terras de Altamira sexa recoñecida por todos como a mellor de Galicia”.
A isto contribuirá sen dúbida o orixinal set do sendeirista que recibiu canda o dorsal todos os participantes e que constaba de camiseta, mochila, cantimplora e braga de cuello cun deseño especial realizado especialmente para a andaina polo artista Xosé Vizoso, deseñador de Sagardelos e recoñecido ilustrador e cartelista galego.
A III Andaina Terras de Altamira está organizada pola Asociación O Esquio no Piñeiro e o Concello de Brión, que contan coa colaboración da Piscina Cuberta Municipal de Brión, da Federación Galega de Montañismo e do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre. Así mesmo, conta co patrocinio de Aquafit, Cafe-Bar Paraíso, Barbatana Servizos Deportivos e Culturais, Centro dental Macía, Adrián García Abogados, Pirotecnia López, Estanco O Tremo, Bar A Pedra, Alcomte Galicia, Expenduría de Tabaco e Prensa María Berdullas Crego, Ufatec, Farina Inmobiliaria, Eulogio Viñal Obras e Construccións, Café Don Budi, Clíncia Dental Lindo Dente, Hyundai Hyupersa Santiago, Nordés Ambulancias, Galitiming e Feiraco.