Thursday 21 de November de 2024

Manuel Mirás anuncia as próximas aperturas do enlace sur da AP-9 e do punto de reciclaxe “Oroso verde”


A unanimidade caracterizou a sesión ordinaria de maio

A unanimidade caracterizou a sesión plenaria ordinaria do mes de maio no Concello de Oroso xa que todos os puntos da orde do día, salvo as actas plenarias, contaron co voto favorable de todos os grupos municipais. O concelleiro de Anova votou en contra das actas non por disconformidade coas mesmas, senón por non estar de acordo cos temas que se debateron nesas sesións.

Nun pleno rápido, a corporación aprobou a corrección dun erro detectado no POS 2017 e unha modificación do Regulamento de Funcionamento dos Servizos Complementarios de Educación a cargo do Concello de Oroso nos colexios de educación infantil e primaria. Así mesmo, aprobouse a adhesión do Concello de Oroso á Asociación de Concellos do Camiño Inglés e á central de contratación da Federación Española de Municipios y Provincias. Sobre este último punto, o alcalde orosán, Manuel Mirás Franqueira, explicou que “rematada a adxudicación do subministro eléctrico con Unión Fenosa, para non volver a sacalo a licitación nos adherimos á central de contratación da FEMP”.

Punto de reciclaxe

Na quenda de mocións, o Partido Popular retirou a súa moción na que pedía a adhesión ao servizo de recollida de plásticos agrícolas da Xunta de Galicia logo das explicacións do alcalde orosán e da próxima apertura do punto de reciclaxe “Oroso Verde”. Mirás Franqueira explicou que “aínda que non estamos adheridos a ese servizo, si que se recollen periodicamente os plásticos dos nosos agricultores e gandeiros. E cando se poña en marcha o punto de reciclaxe pediremos a nosa adhesión ao servizo de recollida de plásticos agrícolas da Xunta, que precisa dun sitio habilitado e pechado para ese fin”.

O alcalde indicou que o atraso na posta en marcha do punto de reciclaxe de Oroso débese a un contencioso con Unión Fenosa. “A instalación está rematada a falta da conexión eléctrica porque Fenosa nos pedía 19.000 euros e nós non estabamos de acordo porque é unha instalación que está no polígono. Finalmente terá que facelo por 300 euros”, explicou Mirás Franqueira.

Finalmente, na quenda de rogos y preguntas, o BNG volveu preguntar sobre a marcha das obras do enlace da AP-9. Mirás lembrou que “temos unha carta do subdelegado do Goberno nas Sociedades Concesionarias de Autopistas Nacionais de Peaxe que falaba de finais de maio ou mediados de xuño. E véxoo factible porque está practicamente rematado”. Mirás explicou que “queda unha cousa moi importante por facer, que é traer as augas pluviais cara o río, pero iso non inflúe na apertura do enlace”.

O alcalde apuntou que “temos o compromiso de Fomento de que farán esa recollida de augas pluviais porque, coa ampliación da plataforma de peaxe, coas fortes choivas de principios de mes puidemos comprobar que se acumula demasiada auga e que non a pode recoller a zona da N-550. Pero o que é o enlace pódese abrir igual”.