Friday 22 de November de 2024

A Xunta prevé aprobar o decreto para a creación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia a finais deste verán


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, anunciou en Curtis que o documento encara a súa recta final logo de ser remitido ao Consello Consultivo de Galicia

A Xunta de Galicia prevé aprobar o decreto de creación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia a finais deste mesmo verán. Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a celebración do cuarto aniversario da posta en marcha da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo en Curtis.

Segundo sinalou a titular do departamento autonómico, o novo marco lexislativo, que permitirá estreitar os vínculos entre as seis reservas que existen en Galicia, encara a súa recta final logo de ser remitido ao Consello Consultivo de Galicia. Beatriz Mato lembrou que a aprobación deste decreto suporá a creación dun novo escenario para o intercambio e o afianzamento dun proxecto común que, reiterou Mato, non é outro que “a potenciación” destes espazos naturais como instrumentos para favorecer o desenvolvemento económico sustentable e o benestar social.

Neste senso, a titular de Medio Ambiente felicitou aos 17 concellos que forman parte da reserva das Mariñas Coruñesas e aos membros da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos polo traballo de concienciación, divulgación e educación ambiental desenvolvido nestes catro anos e animounos seguir avanzando neste sentido. De feito, Beatriz Mato recordou que moitas destas accións foron promovidas polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), un centro de referencia para a Educación Ambiental que naceu froito da colaboración da Consellería de Medio Ambiente, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros, no que o departamento autonómico inviste anualmente “dous terzos do orzamento do CEIDA, isto é, un orzamento que rolda os 95.000 euros”, engadiu Mato.

Obxectivos da nova Rede
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recordou que en Galicia existen un total de seis reservas da biosfera que abranguen unha superficie de 723.700 hectáreas, ou sexa, o 25 por cento do territorio da Comunidade. Dúas delas están xestionadas polo Goberno galego, xunto con outras institucións; dúas por asociacións, como é o caso da Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; e as restantes pola Deputación de Lugo. Así e todo, segundo indicou Beatriz Mato, “temos un obxectivo común que é a potenciación destes espazos”, polo que “a Xunta quere dar a esta colaboración un marco legal, como é o decreto para a creación da Rede galega de Reservas da Biosfera”.

Os obxectivos que se perseguen coa posta en marcha desta rede é “crear novos vínculos entre as seis reservas galegas e reforzar os xa existentes”, asegurou a titular de Medio Ambiente. Ademais, permitirá promover a realización de proxectos comúns, así como colaborar con outras redes territoriais ou temáticas e, sobre todo, engadiu Beatriz Mato, por en valor estes espazos como instrumentos para o desenvolvemento sostible e a mellora do benestar da poboación e vehículos para promover o coñecemento e difusión dos valores das Reservas da Biosfera de Galicia.

Participación e representatividade
Igualmente, este decreto contempla a creación dunha Comisión de Seguimento na que estarán representados os órganos de xestión das reservas, así como os departamentos da Xunta con competencias en materia de conservación e protección da diversidade biolóxica e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial. Esta comisión será a encargada de dar cumprimento aos obxectivos que inspiraron este Decreto, como son a conservación, o desenvolvemento sostible e o apoio á investigación, á formación e á divulgación.