Friday 22 de November de 2024

A Xunta participa no programa de atención integral a persoas con enfermidades avanzadas, que na Coruña leva Cruz Vermella


A Consellería de Sanidade mantén un convenio coa entidade, que á súa vez traballa coa Obra Social la Caixa, o Ministerio e a Organización Mundial da Saúde
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou as instalacións de Cruz Vermella na Coruña, onde foi recibido pola presidenta da entidade en Galicia, Carmen Colmeiro. Desde o ano 2008, a Obra Social la Caixa, en colaboración co Ministerio de Sanidade e co aval da Organización Mundial da Saúde, desenvolve o Programa para a atención integral a persoas con enfermidades avanzadas, que na Coruña desenvolve Cruz Vermella Española, logo da firma dun convenio coa Consellería de Sanidade en 2015. O obxectivo do programa é mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades avanzadas e dos seus familiares, mediante a atención aos aspectos emocionais, sociais e espirituais.

O programa complementa a atención sanitaria que se realiza desde coidados paliativos achegando equipos profesionais que ofrecen intervención psicosocial e espiritual para conseguir atención integral. O programa diríxese ás persoas que se achan nun proceso de final da vida e tamén aos seus familiares. A través da atención psicosocial proporciónase axuda para adaptarse a esta situación de gran impacto emocional. Así mesmo, durante o duelo, os familiares reciben o soporte necesario para asumir a perda do ser querido. Por último, o Programa proporciona apoio específico aos profesionais sanitarios que atenden o día a día de pacientes e familiares.

O programa conta con 42 equipos de atención psicosocial (EAPS) con presenza en 17 comunidades autónomas e que desempeñan o seu labor tanto no ámbito hospitalario como no domiciliario. O estudo que analiza a efectividade da atención psicosocial do Programa mostra que os pacientes e familiares atendidos polos equipos de atención psicosocial melloran aspectos emocionais relacionados coa ansiedade, tristeza, malestar e sentido da vida, o que favorece o seu benestar.

No encontro co delegado tamén participaron Mercedes Casanova Díaz, presidenta provincial de Cruz Vermella Española; Cibrán Varela Vázquez, coordinador provincial; Ana Isabel Vidal de Azpiazu, directora de Programa para a atención integral a persoas con enfermidades avanzadas, e Eulalia Cardeña Franquet, xestora da Obra Social la Caixa.

O volume asistencial desenvolvido por Cruz Vermella na Coruña durante 2016 foi de 1.047 persoas atendidas, deles 365 pacientes, 632 familiares e 50 duelos. A atención realízase tanto no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, nos domicilios dos pacientes ou na sede de Cruz Vermella. O equipo consta de tres psicólogas clínicas e a directora do programa, Ana Isabel Vidal de Azpiazu.

Coa finalidade de comprobar a calidade da intervención realizáronse enquisas de satisfacción tanto dos equipos receptores como dos pacientes e familiares. A valoración arroxa un resultado moi positivo xa que o programa sería recomendado polo 97% das persoas entrevistadas, destacando que complementa a atención recibida polo persoal sanitario e axuda a manexar situacións de alto impacto emocional.

Ovidio Rodeiro felicitou aos responsables do Programa e animounos a seguir traballando nun campo tan delicado. “Si a vocación sanitaria é, de seu, a máxima expresión da xenerosidade das persoas, poñer o foco nos que padecen enfermidades avanzadas supón unha tarefa emocionante, cando menos para os que o vemos desde fóra”, sinalou o delegado territorial.