Friday 22 de November de 2024

Maxistral charla de Henrique Monteagudo sobre a vida e a obra de Carlos Casares


O catedrático e membro da Real Academia Casares Henrique Monteagudo impartiu no día de onte no Centro Cultural Lustres Rivas unha conferencia dedicada a Carlos Casares, o autor homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas.

Ante un público fondamente interesado na vida do escritor e tras a presentación da concelleira de Educación e Cultura Herminia Pouso, o profesor Monteagudo -que denominou á súa maxistral intervención “Carlos Casares, un contador de historias”, mesmo título que o seu libro biográfico recentemente publicado pola editorial Galaxia- cualificou ao autor de “máquina constante de ir contando historias”, salientando que este era un trazo que formaba parte da súa personalidade.

Ao longo de case unha hora, o relator foi evocando os fitos máis significativos da traxectoria vital e creativa de Casares, principiando pola súa infancia en Xinzo de Limia (onde aprende a contar historias), a súa “terrible” experiencia no seminario na que non obstante comezou a cultivar o humorismo que lle sería afín; ou a súa etapa na universidade marcada polas depresións e outras doenzas que só lle permitiron residir en Santiago nos anos 1962-1963 e 1966-1967, pero que malia así lle permitiron participar en acontecementos claves como o recital poético organizado para o primeiro Día das Letras Galegas en 1963 e no número 1 da mítica revista Grial que el despois dirixiría ou, xa en 1967, experimentando o éxito do libro de relatos “Vento ferido” como obra emblemática do rexurdir cultural que se estaba a vivir neses momentos.

Monteagudo tamén afondou noutras facetas do autor, como o seu traballo como tradutor (que comezou cun éxito inesperado da adaptación ao galego dalgúns temas do cantautor Raimon nun folleto) e a súa experiencia como docente, ademais de referir a súa consagración como personaxe público, a súa participación como deputado na primeira lexislatura do Parlamento Galego ou presidindo o Consello da Cultura Galega.

Monteagudo destacou o afán de comunicar de Casares e a súa intención de realizar unha literatura asequible para todo o mundo, cunha linguaxe moi clara, ao entender que un dos puntos febles da creación en galego era a falta de lectores. Isto explica tamén os seus libros dirixidos a un público infantil e xuvenil.