Friday 22 de November de 2024

Adxudicación provisional da pavimentación de seis camiños en Deán Grande en Riveira


A xunta de goberno local procedeu a adxudicación provisional no día de onte dunha actuación conducente á pavimentación de seis camiños en Deán Grande, en Santa Uxía de Riveira.

A empresa que obtivo unha mellor clasificación resultou ser Nemesio Ordóñez S.A. O prezo de adxudicación ascende a 46.657,73 euros, IVE incluído. Había 17 ofertas presentadas.

O obxecto principal que se persegue con esta actuación, que está financiada polo POS da Deputación, reside en mellorar os pavimentos de seis camiños recollendo a demanda dos veciños do entorno. Un deles será pavimentado en formigón pulido con franxas transversais de adoquín de granito; outro cunha mestura bituminosa en quente; e os catro restantes con formigón pulido con franxas intercaladas de adoquín de formigón.

Antes de realizar as obras, procederase á demolición dos pavimentos actuais e ao acondicionamento das superficies e aporte de zahorra onde sexa preciso. Será habilitadas as entradas a vivendas ou fincas alí onde sexa preciso.

O prazo de execución son dous meses.