A estrela do básket iniciou hoxe unha nova etapa cara a Compostela dende a parroquia ordense de Buscás. Participa no proxecto O Camiño remata no Obradoiro, que inclúe a gravación dun documental
Esta mañá o alcalde de Ordes e a concelleira de Deportes, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, acompañaron á estrela de baloncesto Nikos Galis na súa andaina polo Camiño Inglés. Dende o pasado domingo o primeiro gran baloncestista grego e actual membro da Hall of Fame da NBA e da FIBA forma parte do proxecto denominado O Camiño remata no Obradoiro, organizado polo Obradoiro CAB.
Tras facer noite na casa rural Dona María, na parroquia de Buscás, os camiñantes, entre os que tamén figuran familiares directos de Nikos Galis, emprenderon camiño rumbo a Sigüeiro, onde está previsto o final de etapa. Tampouco faltou o adestrador do equipo de básket compostelán, Moncho Fernández. Todos e cada un deles compartiron un anaco de conversa co rexedor e a edil do Concello de Ordes, entidade colaboradora neste proxecto que se plasmará nun documental.
O Camiño remata no Obradoiro é o único proxecto internacional realizado por un club de baloncesto co fin de promover as diferentes rutas do Camiño de Santiago que existen en Galicia. Este vén sendo o terceiro traballo audiovisual deste tipo que se leva a cabo, tras os realizados nos camiños Primitivo e Francés e nos que respectivamente participaron Juan Antonio Corbalán e Terry Porter.
Figuras destacadas
Outros nomes destacados que participaron neste proxecto no que, ademais, tamén se recadaron cartos para fins benéficos son: Pau Gasol, Ricky Rubio, Audie Norris, Fenando Romay, Antonio Daimiel, Aíto García Reneses e Quique Villalobos. Entre os obxectivos figura tamén a creación da Bolsa solidaria do protagonista a través da Fundación Heracles e destinada á estancia nas categorías base.
As persoas interesadas en seguir diariamente o proxecto pódeno facer a través da páxina web www.elcaminoacabaenobradoiro.com, así como nas distintas redes sociais (Fecebook, Twitter e Instagram). Diariamente pódese acceder ao webdoc onde se mostra o resumo das distintas etapas do camiño.