Friday 22 de November de 2024

Antonio Tizón gaña o sexto Concurso de Novela Curta con “Un home extraño”


Fíxose co galardón entre 18 propostas presentadas ao certame

Antonio Tizón é o gañador da sexta edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira. Así se deu a coñecer a noite de onte nun acto que contou coa presenza do propio galardoado, que se impuxo neste certame literario a outras 17 obras co seu texto “Un home extraño”.

A presentación do gañador gozou tamén da participación do alcalde Manuel Ruiz, da concelleira de Educación e Cultura Herminia Pouso e dos membros do xurado: Manuel Bragado, editor de Xerais; Amadeo Cobas, gañador da anterior edición; Sonia García Vidal, ilustradora; e Alicia Padín, responsable do Servizo Municipal de Normalización Lingüística (tamén de Unai González, secretario do xurado, con voz pero sen voto).

Antonio Tizón, nacido en Aranga en 1960 e residente na Coruña, recibiu o cheque de 3.000 euros co que está obsequiado este premio, ademais do diploma conmemorativo. Ademais, “Un home extraño” será publicado por Xerais o ano que vén.

Segundo os méritos recoñecidos polo xurado, «a obra gañadora cumpre as esixencias da práctica narrativa e respecta a estructura de novela e as convencións do xénero da novela policíaca; trátase dunha obra na voz de dous narradores que contan a historia paralelamente, cunha fonda conexión entre eles; transcorre na cidade da Coruña e relata o momento histórico da transición e o período preautonómico así como as ilusións abertas neste momento político e fundamental da nosa traxectoria histórica; destaca a súa fluidez, o ritmo dinámico e a marcada intención social e lectura engaiolante para o lector».

Antonio Tizón é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid e traballou como xornalista e profesor de diversa materias nas agora chamadas Escolas de Artes e Superiores de Deseño. Ten editado un libro de relatos, “In media res”; un poemario, “Ritmos”, e unha novela, “A antesala luminosa”, editada por Xerais en 2014.

Antonio Tizón quixo dedicar esta novela á escritora Ledicia Costas e ao histórico sindicalista José Luis Muruzabal (de feito, a protagonista feminina da novela chámase Ledicia Muruzabal) ademais de ter palabras de agradecemento ao inspector de policía Eugenio Fernández Barallobre e a Manuel Rivas, que lle asesoraron nalgúns aspectos do libro. Así mesmo, tivo palabras para o editor Manuel Bragado, para Mari Quinteiro, ilustradora das súas portadas, e para Alba Tizón, ademais do propio Concello.

Manuel Ruiz felicitou ao gañador e celebrou a excelente colaboración entre Edicións Xerais e Concello: un “matrimonio que funciona e serve non só para dar a coñecer o nome da nosa cidade senón tamén para difundir a obra de escritores noveis e non noveis en lingua galega”.