Friday 22 de November de 2024

Rocío Rodríguez Longa fala de deporte e igualdade na presentación da IV Carreira popular que se celebra o domingo en San Sadurniño


A Casa da Cultura acolleu esta tardea presentación da cuarta edición da Carreira popular de San Sadurniño que se celebrará o domingo no contorno do paseo fluvial e do arboreto galego da Cortiña. O acto de presentación, dirixido a un cento de mozos e mozas do CPI de San Sadurniño, contou coa presenza da atleta ferrolá Rocío Rodríguez Longa, a quen se lle dedica este ano a competición tanto pola súa traxectoria deportiva como pola súa contribución á visibilización feminina no deporte. De feito, Rodríguez deu durante a sesión unha clase maxistral sobre as barreiras que deben superar aínda hoxe as mulleres para ter a mesma consideración que os homes na alta competición.

Rocío Rodríguez visitou San Sadurniño no día en que fai os 40 anos. Atrás queda un longo historial de campionatos estatais -foi 5 veces campioa de España- e de fantásticos resultados en probas internacionais: 9ª en Sidney nun Campionato do Mundo, 8ª en Suecia nun europeo sub-23, 7ª en Xapón nun mundial de pista cuberta, ademais de ser un nome habitual no equipo internacional absoluto entre os anos 1998 e 2000.
Formada como atleta no Ría de Ferrol, Rodríguez falou da súa traxectoria pero, máis que nada, de como enfronta unha muller o deporte nunha disciplina tan esixente coma o atletismo, loitando contra o crono pero tamén contra un patriarcado que prima o deporte masculino con mellores salarios e con máis atención mediática. Algo inexplicable xa que, segundo Rodríguez, “o esforzo e o sacrificio é o mesmo que o dos homes, ou incluso máis”. Porén, tal e como asegura a atleta, “por sorte as cousas están cambiando pouco a pouco”.
A IV Carreira popular Concello de San Sadurniño será un homenaxe á súa traxectoria deportiva e, ademais, unha oportunidade de reivindicar a igualdade da muller tamén no deporte. A proba vai xa polas 665 inscricións na proba absoluta -a 35 de chegar ao límite organizativo- e nas 206 no caso das categorías escolares, para as que non hai tope. O prazo para apuntarse a través da web www.emesports.es finaliza ás 23.59h. de mañá mércores.
O próximo domingo darase a saída da primeira carreira ás 11.10 horas para a categoría Escolares A, tanto masculina como feminina -anos 2005, 2006 e 2007-, sobre unha distancia de 1.000 metros arredor do paseo fluvial. Vinte minutos despois sairá a rapazada inscrita en Escolares B e C -2003/2004 e 2000/2002- e as persoas participantes na categoría adulta, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.000 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.

Prevese que a proba de infantís e maiores dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 12.40 h. a saída da categoría de benxamíns -anos 2008 e 2009- e para as 12.50h. a de pitufos, na que participarán nenas e nenos nacidos en 2008/2009. En benxamíns correrán 400 metros e en pitufos só 220 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 13.00h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2012 e 2013- que só terán que botar unha carreira de 70 metros.