O Concello de Riveira informa do inicio dunha nova actuación consistente na construción dun tramo de beirarrúas de 230 metros de longo na rúa Alcalde Fernández Bermúdez, unha das vías de entrada á cidade de Santa Uxía, o que suporá un significativo aumento da seguridade viaria.
A empresa que está desenvolvendo este traballo é Tarrío y Suárez, S.L.. Supón un importe de 93.256.93 euros, IVE incluído, e o prazo de execución son dous meses e medio.
Na zona en cuestión a calzada conta un pavimento asfáltico e dous carrís de circulación. Sen embargo, conta con partes carentes de beirarrúas tendo que transitar os peóns por un pavimento de terra.
Pluviais
Tampouco existe rede de pluviais, circulando a auga da chuvia pola superficie de paso peonil e a calzada e anegando en ocasións as fincas colindantes.
Con tal motivo, o proxecto elaborado polos técnicos municipais persegue por unha parte a construción de 230 metros lineais de beirarrúas (para o cal o material elixido é o de baldosa hidráulica de 33×33 centímetros con 25 tacos de cor gris e bordillo prefabricado de formigón) pretendéndose conseguir un ancho mínimo de entre 1,50 e 2 metros.
E en segundo lugar, instalarase unha rede para drenaxe de pluviais consistente na instalación dunha tubaxe de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro, pozos de rexistro e arquetas sumidoiros ao longo do percorrido das beirarrúas e paralelo ás mesmas.