Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ordes organiza este sábado un Showcooking para promover a súa Praza de Abastos


Coincidindo coa campaña ‘Quere o teu mercado’ as persoas asistentes poderán aprender novas receitas da man do cociñeiro Jenaro Fieira Noya

Co gallo do Día do mercado este vindeiro sábado, 27 de maio, o Concello de Ordes invita a veciños, veciñas, profesionais e persoas afeccionadas á cociña a participar no showcooking que terá lugar na Praza de Abastos.

Jenaro Fieira Noya, profesor do ciclo superior de cociña no instituto de FP Lamas de Abade, fará unha demostración en vivo de como elaborar distintos pratos con produtos cotiáns da mesma praza. Vasiño de gaspacho de amorodos, tosta de atún mariñado con micropisto e sésamo, copa de iogur cremoso con crema de mazá ao forno e crocante de améndoa serán as receitas que se poderán degustar ao longo da mañá. O horario no que se realizarán será ás 11, 12 e 13 horas nun espazo especialmente habilitado e que permitirá que as persoas asistentes desfruten del sen perder ningún detalle, ademais de poder consultar calquera outro aspecto.

Precisamente o sábado é o día escollido polo Concello de Ordes para desenvolver a campaña ‘Quere o teu mercado’, lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. Como obxectivo principal está o de destacar o papel dos mercados nas cidades, potenciar a compra do produto local e enxalzar a profesionalidade de praceiros e praceiras.

En total hai que falar de máis de 50 mercados de toda Galicia nos que se están a realizar distintas actividades do máis variado para visualizar, promover e activalos, incentivando a creación de novos negocios para a revitalización deste sector do comercio. No caso da Praza de Abastos de Ordes tamén se repartirá material promocional entre a clientela, como bolsas, mandís, doces, bandeirolas etc.