Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño debaterá o sábado sobre a viabilidade das hortas como modelo produtivo


Durante moito tempo vendéusenos a agricultura en grandes extensións como a panacea de todos os males do sector primario galego, caracterizado historicamente por unha produción de pequena escala adaptada ao minifundio. Grandes leiras para grandes producións coas que atender grandes mercados… pero tamén máis gastos, estar á mercede da intermediación, ser vulnerables polas variacións dos prezos que marcan eses mercados e vivir baixo a ameaza permanente do andazo de pragas que xorden, en moitos casos, por ter plantado moito do mesmo nun mesmo sitio. Xusto o contrario da cultura e da estrutura tradicional da terra que agora se reivindica como un patrimonio e como un modelo de sostenibilidade ambiental e social. Das hortas de toda a vida e do seu potencial -sobre todo no modelo de produción ecolóxica- falarase este sábado na Casa da Xuventude co gallo dunha xornada de debate organizada polo departamento de Desenvolvemento local.

A mañá estará centrada nas hortas domésticas como elemento propio da economía tradicional galega que agora corre o risco de quedar no esquecemento por varias razóns: o avellentamento da poboación, a marcha da xente nova a zonas urbanas, a chegada de pestes e pragas, etc.

Porén, e malia todos os problemas que ten, a horta, os morteiros e o cultivo para o autoconsumo seguen sendo un dos nosos sinais de identidade e unha fonte de alimentos de calidade que pode e debe xestionarse mellor, entre outras razóns, para dar de si boas producións que incluso xeren algún excedente que levar a feiras e mercados de proximidade. Pero tamén para que a agricultura familiar siga axudando a protexer o medio ambiente, a biodiversidade e a paisaxe.

A xornada organizada polo Concello quere ser un encontro para a reflexión sobre o papel das hortas na economía familiar e no medio ambiente, ademais de analizar técnicas e metodoloxías que melloren a xestión das leiras.

Ás 10.00h. intervirá a enxeñeira agrónoma Silvia Caffaro para falar sobre o manexo agroecolóxico do solo e da auga, ademais de tratar conceptos como o da fertilidade, a importancia da orientación e da pendente ou a estrutura do sustrato de cultivo.

Sobre as 11.00h. comezará a segunda charla, a cargo do enxeñeiro técnico agrícola Andrés Castro. El achegará información sobre como deseñar correctamente unha horta, na liña de combinar de forma axeitada cultivos complementarios, planear as rotacións e incluso protexer as plantas das pestes e pragas con outras plantas ou preparados naturais.

A xeira pecharaa ás 12.00h. Marcos Besada -tamén enxeñeiro técnico agrícola- ocupándose da agroecoloxía nas hortas familiares e destacando o valor do minifundismo como un sistema agrario eficiente que, ademais, contribúe á diversidade.

Ao remate, sobre as 13.00h., abrirase unha quenda de preguntas co obxectivo de iniciar un debate que trascenda a sesión e que permita volver ver o modelo produtivo tradicional como algo do presente e non como algo do pasado.

A xornada encádrase dentro da programación formativa da área de Desenvolvemento local, que colabora con entidades como a AGFA do Eume ou a Asociación Agroecolóxica A Cortiña organizando múltiples cursos e charlas sobre o sector primario ao longo do ano.