Friday 22 de November de 2024

Malandrómeda e escuchando elefantes pechan o cartel musical da Cuarta Edición do Festivas Ribeiro Son de Viño


Xunto a De Vacas, Sen Senra e Kings of the Beach estarán o vindeiro 15 de xullo no entorno paradisíaco do Náutico de San Vicente do Mar, poñendo música aos viños das adegas Alberte, Viña Meín, Viña Costeira, Eduardo Bravo, Villanueva e Son de Arrieiro

A xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá, vén de presentar esta mañá en rolda de prensa o cartel definitivo da cuarta edición de Ribeiro Son de Viño, un festival 100% galego que fusiona concertos con degustacións dos mellores viños da D.O. Ribeiro.
Malandrómeda, Escuchando Elefantes, De Vacas, Sen Senra e Kings of the Beach serán os protagonistas musicais da vindeira edición do festival, harmonizando coas súas cancións os viños das adegas Alberte, Viña Meín, Viña Costeira, Eduardo Bravo, Villanueva e Son de Arrieiro.
Ribeiro Son de Viño é o único festival de Galicia que combina música en directo con degustacións de viños da Denominación de Orixe Ribeiro, un evento diúrno que este ano inclúe unha actividade sorpresa entre adegueiros e músicos que se desenvolverá a media tarde.
Posiblemente esta sexa a edición máis ecléctica de todas as que se celebraron ata o momento. Os que asistan o 15 de xullo ao Náutico de San Vicente do Mar poderán gozar dunha fusión de estilos que inclúen rap, folk, pop negro, r&b, soul, indie rock, garage, punk, surf e ata a canción do verán, Despacito, revisitada en chave galega.
As bandas que formarán parte do festival de esencia galega da denominación máis antiga de Galicia son elixidas pola súa calidade e talento, co obxectivo de unir unha ampla variedade de estilos arredor dunhaa copa de Ribeiro porque… ¡Ribeiro une!
Durante todo o evento, que comeza ás 13.00 horas e se estende ata as 3.00 da madrugada, os responsables das adegas Alberte, Viña Meín, Viña Costeira, Eduardo Bravo, Villanueva e Son de Arrieiro estarán a disposición de todos os asistentes para guialos nas degustacións e conversar sobre a variedade e diversidade que esta zona ofrece, sempre cun denominador común, a calidade e as súas variedades de uva autóctonas.

MALANDRÓMEDA
Imaxinemos unha traxicomedia intestinal cuspida en ristras de chistes, ratatatatatá, disparar a metralleta da felicidade como Madame Butterfly segundo Carmen de Mairena. Ser picante e penitente, devoto de San Antonio Machín e da Virxe do Carme: iso é Malandrómeda. Participante doutras coñecidas xixestións sónicas como Fluzo ou Non Residentz, Hevi rapea pezas astutas e absurdas, alimento e excremento, a obra dun cerebro tribal que bota fume: da vangarda á retagarda nunca Galicia foi tan caníbal.
ESCUCHANDO ELEFANTES
Escuchando Elefantes son dúas voces que chegaron a soar como unha. A dinámica e forza que transmiten ao público coas súas cancións débese á súa paixón por tocar na rúa, na que se formaron como músicos. Percorreron Europa compartindo experiencias con músicos como os oscarizados Glen Hansard e Markéta Irglová, Paddy Casey, Damien Rice, Bono (U2), Lisa Hannigan, Hozier, Kodaline e Sinead O’Connor, entre outros. En 2012 publican o seu primeiro álbum de estudo editado de xeito totalmente independente, recibindo unha xenerosa acollida por parte do público que encheu o aforo das salas. Acompañado dunha gran repercusión mediática, ‘Show & Tell’ soou nun gran número de países e festivais. En 2014 despois de gravar en España, Irlanda, USA e UK presentan os eu segundo traballo “Happy Lonely People” nun abarrotado Teatro Colón. Repetindo o éxito do seu primeiro álbum e engadindo nominacións e premios. A finais de 2016 Silvia e Carlos cambian o formato da banda e comezan a intercambiar instrumentos no escenario tocando ambos baterías e guitarras, o que lles leva a un son máis eléctrico e enérxico. Nese mesmo ano, realizan a gravación do seu último álbum que verá a luz este 2017.
DE VACAS
De Vacas son un cuarteto musical composto por unha guitarra e tres voces. Fan versións de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Detrás de cada canción mala hai un corazón que queren reivindicar. Dende as Spice Girls ata Gagnam Style, pasando por Enrique Iglesias ou Michel Teló… temazos que marcaron as súas tardes de domingo na discoteca e que rescatan para vos nun formato fresco e divertido, co que emocionarse e rir a partes iguais.
SEN SENRA
Sen Senra chega ao Náutico de San Vicente do Mar en plena voráxine de presentación do seu segundo disco “The Art of Self-Pressure” (Crispis Editorial, 2017), no que o vigués explora os puntos comúns entre o pop negro, o rock and roll de garage e xéneros como o r&b, o soul e ata o trap. E é que tras explorar no seu álbum debut os inescrutables camiños do son Galiforniano (ese punto xeográfico invisible que une as costas de Galicia e San Francisco) que serviu incluso como banda sonora do anuncio de Turismo de Galicia (a canción “Flowers” foi a que soou durante practicamente un ano nas televisións de todo o país), Sen Senra perfila un cancioneiro ultra-melódico e inmediato, amplificando o seu rexistro vocal hacia territorios imprevisibles pero conectando máis que nunca co groove e o flow das músicas negras, sen despegarse desa curiosa zona común en onde caben dende o rock de autor ou o garage de aires r&b ata achegamentos á música urbana de baile.

KINGS OF THE BEACH

A súa música é unha mestura de indie rock, garage, punk e surf, viscerais e aditivos temas de rock and roll cargados de enerxía explosiva e contaxiosas melodías, atolados e enxeñosos himnos de rock afilado onde as incisivas guitarras o incendian todo e as seccións rítmicas fan saltar as brasas polos aires, cancións que invitan a pasalo ben, cargadas de adrenalina, potentes riffs de guitarra e pegadizos estribillos, creativos hitazos de coidados arranxos, salvaxes guitarras e estupendos xogos vocais que imprimen un extra de frescura e invitan a gritar con forza, brillantes pildorazos de garage punk que hai que escoitalos a todo volume mentres bebes cos amigos un sábado pola noite. As letras fálannos de noite, xuventude, surf, liberdade, diversión, praias…

RIBEIRO COS ILUSTRADORES GALEGOS
O cartel desta edición é obra da deseñadora galega María Viñas; nada en Lugo en 1980 e licenciada en Belas Artes. Formou parte do colectivo de Performances y Asociación Cultural Flexo e coordinou o Festival IFI (de Novas Tendencias de Galicia). Durante tres anos traballou de xeito continua para dúas editoriais especializadas en publicacións de carácter médico e científico. Tamén realizou traballos de carácter publicitario e artístico e colaborou puntualmente como ilustradora téxtil.

Actualmente imparte clases de debuxo no CASB, unha iniciativa de colaboración desenvolta por sete das universidades norteamericanas máis recoñecidas en conxunción con outras tres españolas, a alumnos das mesmas.

As entradas para a gran celebración do verán están á venda en ticketea por 12€: https://www.ticketea.com/entradas-festival-ribeiro-son-de-vino-2017

e toda a información se pode seguir no Facebook do festi -> www.fb.com/ribeirosondevino