O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, clausurou hoxe o Curso sobre “Transparencia, goberno aberto e Administración pública” na EGAP
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou os avances en materia de transparencia da Administración que se teñen posto en práctica polo Goberno galego nos últimos anos e a incidencia que teñen todas estas iniciativas en lograr unha maior proximidade aos cidadáns. Ademais, sinalou que, tal e como tiña avanzado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas próxima semanas se seguirán habilitando dende o Executivo autonómico novas medidas de transparencia e de bo goberno.
Alfonso Rueda clausurou na EGAP o Curso sobre “Transparencia, goberno aberto e Administración pública” onde reflexionou sobre a importancia da participación dos cidadáns na vida política, económica, cultural e social e de facilitar o dereito á información dos cidadáns, tal e como esta facendo o goberno galego.
Na súa intervención, o vicepresidente lembrou que Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en contar cunha Lei de Transparencia e Boas Prácticas e que desde o ano 2009 o Goberno autonómico comprometeuse a progresar, de xeito efectivo, na aplicación desta Lei e a fomentar a participación dos cidadáns na avaliación dos servizos públicos, polo que cumprindo con esta premisa o pasado mes de outubro o Consello da Xunta aprobou o anteproxecto de Lei de garantía da boa Administración e da calidade dos servizos, a primeira norma en Galicia que aborda dun xeito integral a obriga da Administración de controlar a calidade dos seus servizos e que pretende ser o inicio dun modelo de xestión máis rigoroso, eficiente e achegado ao cidadán.
O texto establece mecanismos internos de control continuo da calidade por parte da propia Administración nos servizos que presta. Ademais, recoñece aos cidadáns dereitos nas súas relación co sector público autonómico e recolle os mecanismos para que eles mesmos tamén poidan exercer un control.
Entre outras medidas, Alfonso Rueda salientou a blindaxe por lei -no ano 2013- da obrigatoriedade de que todos os membros do Goberno galego fagan públicos as súas declaracións de bens patrimoniais no momento de entrar e saír da Xunta. Ademais, a través da web da Xunta se pode acceder de xeito público ás retribucións dos membros do Goberno e altos cargos da Administración; contratos públicos; e convenios de colaboración; entre outros moitos datos.
Ademais, dando cumprimento a este compromiso o actual Executivo impulsou unha serie de medidas de transparencia que teñen feito que en 2014 a organización “Transparencia Internacional España” situara á nosa comunidade como unha das máis transparentes, ocupando o quinto posto do ránking cunha puntuación global de 94 puntos sobre 100.
Na sede da Escola Galega de Administración Pública tivo lugar durante o dia de onte e hoxe este curso monográfico co principal obxectivo de estudar e analizar a Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información público e bo goberno e a súa implementación nas administracións públicas, e que contou con poñentes coma o Valedor do Pobo, José Julio Fernandez; o catedrático de Dereito Administrativo, Andrés Betancor; o Letrado Maio do Parlamento de Galicia, Xosé Antón Sarmiento, entre outros.