O proxecto contempla a construción dun corredor de dous metros de ancho de sección, que inclúe o paso pola glorieta de entronque co acceso á autopista AG-55
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, deu a coñecer esta mañá o proxecto de construción de senda peonil entre A Laracha e O Cancelo, que suporá unha inversión máis de 960.000 euros na seguridade viaria e a calidade ambiental e de vida dos veciños da zona. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio correspondente a estes traballos, co que se abre un prazo a partires de mañá de 26 días hábiles para os interesados.
A actuación consiste nun tramo de senda peonil de 1,960 quilómetros na marxe da estrada AC-552. O proxecto actúa no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 21,530 (onde na actualidade remata o tramo de beirarrúa de A Laracha) e 23,400 (na intersección coa estrada da Deputación que conduce ao Vilar, no Cancelo), logo de pasar a glorieta de entronque coa autoestrada AG-55. Executarase, polo tanto, unha senda de formigón coloreado de aproximadamente 1.860 metros de lonxitude, na marxe esquerda da calzada.
Está previsto que a sección tipo da senda acade os dous metros de ancho, incluído o bordo, separada da estrada por unha zona verde. Os traballos contemplan, así mesmo, a colocación dun colector para drenaxe e dun prisma de tubaxes para a posible instalación no futuro de canalizacións eléctricas ou de telefonía. O prazo de execución dos traballos é de nove meses. Conta co financiamento ao 80 por cento do Fondo Europeo de Desenrolo Rexional (FEDER)
O delegado territorial na Coruña, que acudiu acompañado polo alcalde, José Manuel López Varela, destacou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a promover sendas útiles, sostibles e saudables para que os veciños poidan empregar as estradas de xeito seguro e accesible, ao tempo que mellora a seguridade de todos os usuarios da vía. O Plan de Sendas de Galicia, cofinanciado polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo fundamental de favorecer unha mobilidade segura e sustentable, concreta a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís. O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, destinará este ano un total de 10,5 millóns de euros ao Plan, que xa dispón de 40 proxectos aprobados.