Centos de veciños e veciñas de Brión sumáronse á “Noite en Branco da Magariños”, cinco concertos noutros tantos edificios públicos brioneses ofrecidos polo alumnado da Escola Municipal de Música Magariños de Brión, en colaboración coa Banda de Música Municipal de Brión. Entre as 22:00 horas do pasado venres e as 0:30 do sábado, os rapaces e rapazas da ESMU Magariños ofreceron cinco concertos, duns 20 minutos cada un, na Aula 2 da propia escola, na biblioteca municipal de Brión, na sala de exposicións da Casa da Cultura, no salón de plenos e no salón de actos do centro social polivalente.
Moitos dos participantes seguiron aos músicos na súa peregrinaxe polos cinco concertos, mentres que outros optaron por participar naquelas actuacións que máis lles interesaban. A “Noite en Branco da Magariños” foi organizada pola Escola Municipal de Música Magariños de Brión, coa colaboración do Concello de Brión, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.