Friday 22 de November de 2024

Formalizado o contrato para seguir renovando as beirarrúas e servizos da Avenida da Coruña en Riveira


A actuación terá un importe superior aos 128.000 euros

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio fai pública no día de hoxe a través do DOG a formalización do contrato para unha nova actuación co obxecto de seguir renovando as beirarrúas e servizos na avenida da Coruña.

Así, esta actuación, financiada e licitada pola Xunta, será realizada pola empresa Proyecon Galicia, S.A., por un importe de adxudicación de 128.120,85 euros, IVE incluído.

Conforme ao proxecto, que foi elaborado polos servizos técnicos do Concello de Riveira, a obra comprende o tramo entre o cruce coa rúa Vionta e o cruce coa rúa Estrada a Praia.

Demoleranse as beiarrúas actuais e instalarase unha nova rede de pluviais e outra de saneamento. No que respecta a pluviais, disporanse tubaxes corrugados de 315 milímetros de diámetro que conducirá a auga dende o punto alto da traza ata a rede existente; ademais conectarase as baixantes das edificacións á nova rede. No que se refire á rede de saneamento, estará formado por tubaxes de PVC compacto de 315 milímetros de diámetro.

En canto ás beirarrúas, estarán formadas por baldosas de formigón gris oscura e branca de 60×40 centímetros tal e como se fixo na fase anterior, ademais de bordillo prefabricado de formigón.

O prazo de execución da obra é de catro meses.