A Consellería de Sanidade informou sobre os resultados para a vindeira tempada de baño a tódolos Concellos, que son os responsables últimos da súa xestión
O Delegado da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a praia de Chamoso, no concello de Cabanas, que conta coa cualificación de excelentes en todas as zonas de baño censadas nas súas praias. Chamoso, ademais, incorpórase este ano ao Programa Galego de Promoción dunha vida sen tabaco, pasando a formar parte da Rede de Praias sen Fume.
Na provincia da Coruña a Consellería de Sanidade vixiará a calidade de 226 zoas de baño que están inscritas no censo oficial, pertencentes a 45 concellos. O resto das praias ou zoas fluviais de baño que non están inscritas no censo oficial non están habilitadas para o baño. Este programa inclúe a vixilancia sanitaria das zonas de baño mediante a inspección xeral das praias e a analítica das augas. A xefatura territorial de Sanidade ten remitido a día de hoxe a todos os concellos afectados a información relativa á calidade das augas de baño, informando da clasificación obtida nas súas praias e instando as autoridades locais a adoptar as medidas necesarias para promover a calidade das augas e informar ós usuarios.
Das 226 zonas que se analizan, 213 de 36 concellos corresponden a augas marítimas e as 13 restantes, de outros 10 municipios, a augas fluviais. Este programa pretende minimizar os riscos de contraer enfermidades, vixiando especialmente a calidade das augas así como posibles incidencias que podan supoñer un risco para a saúde dos usuarios, como verteduras, acumulación excesiva de algas ou deficiencias na información preceptiva para os usuarios. A vixilancia da calidade das augas inspeccionase mediante a recollida de mostras, que se analizan logo no laboratorio de Saúde Pública de Galicia.
Na provincia da Coruña cualificáronse de excelentes 156 zoas de baño, 40 foron consideradas boas e 17 acadaron un grao suficiente. Desbótanse 13 zonas por non reunir as condicións mínimas. Nove concellos contan con todas a súas praias rexistradas co cualificación de excelentes: A Magdalena e Chamoso (Cabanas); Ézaro Marítima (Dumbría); Caión (A Laracha); Soesto, Arnado-Boaño-Traba (Laxe); Vilela, Bares e Esteiro (Mañón); Río Castro-A Ponte da Cobéluda (Neda); Broña (Outes); Vilarrube, Baleo, A Frouxeira, Mourillá-Os Botes, Meirás e Campelo (Valdoviño), e Espiñeiro, Mera, Naval-Santa Cruz, Bastiagueiro, Santa Cristina (Oleiros). O Ministerio de Sanidade deu de baixa no rexistro a zona de baño Santa Cruz logo de obter a clasificación sanitaria de insuficiente nas cinco últimas tempadas.
O delegado territorial estivo acompañado polo alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, que aproveitou a visita para anunciar que solicitou a incorporación de Chamoso ao programa Praias sen Fume. A consellería, a sabendas de que o consumo de tabaco e a primeira causa de morbilidade e de mortalidade evitable, non fumar na praia será un paso máis para conseguir unha sociedade sen tabaco para todos e entre todos.
O Programa Galego de Promoción dunha Vida Sen Tabaco, da Dirección Xeral de Saúde Pública, recolle esta iniciativa co fin de estendela por todo o litoral galego, creando a Rede Galega de Praias sen Fume. Os obxectivos son promover unha vida sen tabaco, desnormalizar o consumo do tabaco na sociedade, reforzar o papel modélico-positivo dos pais e nais e promover praias que respecten e coiden o medio ambiente.
Para o período estival deste ano 2017 están adscritos e confirmados ao programa 12 concellos e 22 praias na provincia da Coruña. As praias sen fume invitan a absterse de fumar aos usuarios do areal, coa excepción dos espazos ao aire libre que se atopan nos locais de hostalería de cada un deles.
Ovidio Rodeiro destacou o “enorme valor natural, paisaxístico e ecolóxico das praias da provincia” e aproveitou a ocasión para agradecer a todos os Concellos “o esforzo que están a facer por coidar e potenciar as súas zonas turísticas”. Felicitou tamén a Cabanas por dar “o paso adiante de eliminar os malos fumes das praias”. Lembrou que as cabichas tardan dez anos en degradarse no mar, máis tempo se se acumulan na área, e levan a pegada dos miles de compoñentes químicos que conteñen, tales como a nicotina ou o alcatrán, tamén tóxicos para a vida mariña.