A empresa Francisco Gómez y Cía S.L. iniciou este luns a última fase dos traballos de mellora da estrada que cruza o núcleo de Lubián, en Sillobre. Nela estase levando adiante a sustitución da antiga capa de rodadura por unha nova de aglomerado. Porén, antes de chegar a este punto foi necesario un repaso do firme e, principalmente, a reparación do sistema de drenaxe, que mesmo incluiu o reforzo das cunetas e a instalación de tubaxes nun punto onde a auga minaba a pista. As obras, adxudicadas en 31.290 €, sufráganse con cargo ao Plan de Aforro e Investimentos 2016 da Deputación da Coruña.
O aglomerado da estrada comezou a primeira hora da mañá deste luns e estímase que todo o eixo viario quede restaurado entre hoxe e mañá, á espera de que nos próximos días se pinte a sinalización horizontal e se coloque de novo a vertical. Previsións que, en principio, deberían cumprirse coa axuda do bo tempo que se agarda para o que queda de semana.
A área de actuación cobre unha distancia de 630 metros na que, en primeiro lugar, se fixo un rebacheo ao longo de todo o trazado. Por outra banda tamén se rasaron as gabias de ámbalas marxes para asegurar unha correcta evacuación da auga, un dos principais inimigos da seguridade viaria, pero tamén da conservación das estradas.
A este respecto cómpre lembrar que no punto central da vía existe unha zona con pendente na que, ademais, se atopa un illó de onde mana auga case todo o ano. De aí que o proxecto técnico incluíse nesa zona o revestimento das cunetas, a execución dun muro de reforzo e a instalación dunha canalización transversal á pista.
Todo para garantir a resistencia da estrada nun lugar crítico polo seu desnivel e por ser o sitio onde camións, tractores e outra maquinaria pesada aplican máis tracción sobre o asfalto. Precisamente era nese anaco de estrada de escasos 20 metros onde as fochancas eran unha constante á que agora o Concello lle quixo poñer remedio para varios anos.
As obras na travesía de Lubián fináncianse con cargo ao PAI 2016 impulsado pola Deputación, no que o Concello de Fene tamén incluíu as obras no Camiño do Catalán -Maniños- e, nun mesmo proxecto, as do camiño que vai da Revolta a Formosende (Fene), a rúa Río Cádavo (Perlío), o camiño do Castro desde os Loureiros (Barallobre) e as pistas do Valadoiro e Valado en Sillobre,