Friday 22 de November de 2024

Luz verde a un acordo entre Concello e Arriva polo que os estudantes poderán ter descontos de ata o 75% ao viaxar a Santiago


Máis de 200 mozos beneficiaranse deste novo acordo, que mellora as condicións anteriores en que os descontos eran do 50% en todos os casos

O Concello de Riveira vai asinar coa empresa Arriva Noroeste un novo acordo de colaboración dirixido a cofinanciar axudas ao transporte con destino Santiago para estudantes de formación regrada, sexa universitaria ou non.

O Concello aprobou onte en xunta de goberno o borrador do convenio, que suporá a aplicación dun desconto no prezo final das viaxes nos autobuses da compañía do que se beneficiarán máis de 200 estudantes.

Bonobús
O devandito desconto aplicarase na compra de varios viaxes (bonobús). Haberá bonos de 10, 20 e 60 viaxes, de tal xeito que o estudante terá un desconto do 40%, 50% ou 75% do prezo final da viaxe (actualmente 7,55 euros) dependendo do bonobús de que se trate. Isto supón unha mellora con respecto a acordos anteriores coa mesma empresa, na que os descontos eran en todos os casos do 50%.

Neste senso, agora no bonobús de 60 viaxes o estudante abonará o 25% do custe, o Concello asume un 25% e a empresa aplica pola súa parte un desconto do 50%; no de 20 viaxes, o estudante afronta un 50%, o Concello un 25% e a empresa desconta un 25%; e no de 60 viaxes, o estudante asume un 60%, o Concello un 25%, e a empresa desconta un 15%.

O convenio terá unha vixencia dun ano, prorrogable en períodos anuais.

Cabe lembrar que existen acordos semellantes con outras compañías de autobús para axudar ao transporte de estudantes con destino a lugares como A Coruña, Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ferrol, axudas que son compatibles coa que é obxecto deste convenio, de tal xeito que un usuario pode beneficiarse deste desconto ao viaxar ata Santiago coa empresa Arriva e, acto seguido, doutro novo desconto con outra empresa no tramo Santiago-A Coruña, por poñer un exemplo.