Friday 22 de November de 2024

Abel Barros González e Tina Fernández Barreiro gañan a III Carreira Popular Pilar Barreiro Senra, na que participaron 408 atletas


Na súa primeira proba de 10 kms, Pilar Barreiro Senra conseguiu os premios á Mellor Atleta de Lousame e o 3º posto na súa categoría

Os atletas Abel Barros González (Atletismo +9 Moraña) e Tina Fernández Barreiros (Urban Runners Club Santiago) foron os gañadores da terceira edición da Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra”, que congregou este domingo a 408 atletas (219 na proba absoluta e 189 nas probas escolares), así como a varios centos de veciños e afeccionados ao atletismo en Lousame, tanto na saída e meta en Portobravo como durante todo o percorrido da proba. O tempo acompañou, se ben nalgúns momentos da proba absoluta luciu tanto o sol que os atletas se viron na obriga de hidratarse ben.

Por segundo ano consecutivo, Abel Barros subiu de novo ao máis alto do podio cun tempo de 34 minutos e 26 segundos en cubrir os 10 quilómetros da proba. Nesta ocasión, o atleta tivo que esforzarse máis co ano pasado, xa que tivo que bater a súa marca de 2016, 34 minutos e 34 segundos, que foi precisamente a fixada polo segundo clasificado deste ano: Miguel Penedo Taboada (3&run by Pedro Nimo). Completou o podio Enrique Morán González (Atletismo Porriño) cun tempo de 35 minutos e 45 segundos.

Na categoría feminina Tina Fernández Barreiros chegou no posto 33 da proba absoluta, cun tempo de 40 minutos e 5 segundos. A segunda foi María González Martínez (Original Mgm Team), terceira na pasada edición. Fixo un tempo de 41 minutos e 1 segundos, chegando no posto 42 da xeral. Completou o podio Lorena Pose Varela, tamén do Urban Runners Club Santiago, cun tempo de 43 minutos e 34 segundos.

Dobre premio para Pilar Barreiro

A madriña da proba e a atleta lousamiá máis premiada da historia, Pilar Barreiro Senra, correu esta mañá a súa primeira carreira de 10 quilómetros, marcando un tempo de 48 minutos e 39 segundos que lle valeron un dobre premio: ser a atleta mellor clasificada do Concello de Lousame e o terceiro posto da súa categoría, Veteranas B. Un gran resultado para alguén que debutaba neste tipo de probas e que estaba máis afeita a probas moito máis curtas, como eran os 800 metros.

Os premios foron entregados pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, a concelleira de Deportes, María Regenjo, e a madriña da proba, Pilar Barreiro. Villaverde Pais agradeceu a participación de todos os atletas e das súas familias pois “hoxe compartimos un día de deporte, un día de vida saudable. Espero que fose do voso agrado e seguiremos mellorando para o ano que vén”. Neste sentido, a alcaldesa confirmou que “seguiremos mantendo o servizo gratuíto de conciliación para que os pais e nais poidades desfrutar da carreira coa seguridade de que os vosos pequenos están ben atendidos”.

Pola súa banda, a concelleira María Regenjo tivo especiais palabras de agradecemento para “todas as persoas que fixeron posible co seu esforzo esta proba, empezando polos membros de Protección Civil, voluntarios e traballadores do Concello de Lousame, Club BTT O Treito, traballadores de Emesports, Club Atletismo Deportes Hermida, Cruz Vermella e, en especial, a tres persoas que levan traballando varios meses nesta proba como son o seu director, Néstor Romero, e os técnicos do Concello de Lousame Eduardo Agraso e José Manuel Outeiral”.

Homenaxe aos 3 adestradores de Barreiro

Finalmente, Pilar Barreiro tamén tomou a palabra para comentarlles aos presentes que “o atletismo é un deporte individual, pero detrás hai moita xente, que moitas veces non se ve pero que está aí”. Por iso, quixo aproveitar a ocasión para facer unha homenaxe na súa terra aos tres adestradores que tivo na súa carreira: Manolo Fontenlos, Mariano García Verdugo (ausente por atoparse en Uzbekistan) e María Luisa Armesto. “Manolo Fontenlos ensinoume o camiño. Empecei de cadete porque lle faltaba unha corredora e despois foi moi xeneroso deixándome ir. A Mariano García Verdugo, a quen lle entregarei en man este trofeo, teño que agradecerlle que me axudara a crer en min, pois con el acadei os meus maiores éxitos deportivos. E María Luísa Armesto me está ensinando a disfrutar do atletismo”, explicou aos presentes Barreiro Senra.

Pilar Barreiro e María Regenjo fixeron entrega de medallas e lambonadas a todos os participantes nas probas escolares. Todos os atletas levaron unha camiseta de agasallo e desfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, froita e rosca, cortesía dos patrocinadores da proba: Plus Ultra Seguros, Autos Patiño e Gadis. Tamén houbo trofeos para os gañadores de cada unha das nove categorías establecidas (tanto para homes como para mulleres) e trofeos especiais aos participantes máis veteranos (tanto home como muller) e aos tres mellores atletas de Lousame na categoría absoluta.