Friday 22 de November de 2024

A AECC Ordes consegue para este domingo un cheo absoluto na súa IV Comida Solidaria


A cita terá lugar no Pazo do Bidueiro e contará con sorteos de agasallos doados por ACORDES e cun recital a cargo de Tania Veiras

A IV Comida Solidaria da AECC de Ordes, que este vindeiro domingo terá lugar no Pazo do Bidueiro ás 14.30 horas, rexistrará un cheo absoluto. En total serán 320 comensais, coincidindo co número máximo de entradas das que se dispoñía. Xa son máis de 1.900 euros a cantidade recadada só coa venda dos tickets, agardando que a cifra se supere grazas aos donativos que se poderán entregar ese mesmo día no peto instalado para tal fin. Todos estes cartos irán destinados á investigación para a cura da enfermidade.
O programa dese día inclúe tamén o sorteo de todo tipo de agasallos doados pola Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES). Entre eles destacan estancias de fin de semana no balneario Marina Spa, en O Grove, e na Casa da Escola, no Concello de Trazo (Xaveste). Tras os postres e o café a cantante local Tania Veiras ofrecerá un pequeño recital, o cal servirá para abrir a sesión de baile que se prolongará ao longo da tarde.
Ademais dos veciños, veciñas e representantes de todos os sectores, na lista de asistentes a este evento figuran tamén Manuel Regos, alcalde de Ordes; Elena Viturro, presidenta da AECC A Coruña; Emilia Vázquez, presidenta da EECC Ordes; Marcos Calvo, psicólogo da EECC, ademais doutros membros do equipo de goberno local e concelleiros da oposición.
Para facilitar o desprazamento ata o pazo haberá autobuses gratuítos a partir das 14 horas, que partirán da Alameda de Ordes e que repetirán o traxecto unha vez finalizado o encontro.