Era un compromiso do Concello para posibilitar a ampliación
O Concello de Riveira informa de que hoxe dou inicio a obra municipal de rectificación do vial situado fronte a área de Urxencias da Hospital da Barbanza para permitir a súa ampliación.
Os traballos están sendo desenvolvidos pola empresa Excavaciones Abelleira, S.L. O importe da actuación ascende a 45.223,42 euros e terá unha duración dun mes.
Cómpre lembrar que a obra encargada polo Concello está motivada por que a ampliación de Urxencias prevista incorporará a esta área a zona cuberta pola que actualmente entran as ambulancias.
En liñas xerais, a obra redactada polos servizos do Concello consiste na construción dun muro de contención de perpiaño que permitirá crear unha nova explanada de acceso a ambulancias e no desprazamento da vía cara o terreo boscoso colindante. Para isto será necesario proceder ao desbroce do mesmo e á demolición do aglomerado e da beirarrúa actual, executando a continuación o movemento de terras que precisa a nova rasante da estrada proxectada. Será necesario tamén desprazar tres farolas e unha hidrante, así como a instalación dunha nova rede de pluviais.
O novo vial terá un ancho similar ao existente (7 metros nos tramos rectos e 8 na curva) e levará adosada unha beirarrúa de 1,5 metros en toda a súa lonxitude. A zona de rodadura será pavimentada con aglomerado en quinte tipo AC16 surf D e a beirarrúa cunha capa de formigón HM-20.
Cómpre lembrar de que o Sergas formalizou o contrato para a da redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección de obra da reforma e ampliación da área de Urxencias, uns traballos que están sendo desenvolvidos pola UTE formada por Naos 04 Arquitectos e Manuel Vázquez Muíño.