Saturday 16 de November de 2024

“Voces riseiras, músicas arredor do mundo” na Casa da Cultura de Fene


O coro de cámara Ludus Tonalis abre este venres, 19 de maio, o ciclo Sons Diversos, organizado pola Concellería de Cultura de Fene no marco do programa “Cultura no Camiño”. Faino con Voces riseiras, músicas arredor do mundo, un espectáculo que inclue música de cine, boleiros, cancións zulúes, galego, brasileiras… e un sinfín de composicións entretidas e divertidas para tódolos públicos. A actuación comezará ás 20.00 con entrada de balde e libre (até completar o aforo).
Ludus Tonalis é un coro de cámara que interpreta música antiga, medieval e, principalmente, renacentista, aínda que sen renunciar ao reto de mesturar a formación de coro de música antiga coa interpretación de composicións do século XXI. Todo isto sen perder a base da súa identidade, xurdida do propio nome do coro: diversión e xogo cos sons.
Da man do seu director, Rupert Twine, Ludus Tonalis aborda proxectos de tan diversa natureza como poden ser unha misa de Palestrina, Lasso ou Vitoria ou a banda sonora dunha película contemporánea.
Trala actuación deste venres, a segunda función do ciclo “Sons Diversos” correrá a cargo de Las Lollipops & piano cunha proposta musical en homenaxe ao trio vocal “The Andrew Sisters”, especialistas en swing, boogie-woogie, e novidosos hits con selo persoal. Será o venres 26 de maio ás 20.00 horas.