O mesmo domingo 21, a partir das 16:00 horas, o Club Patín Oroso celebrará o VI Campionato de Patinaxe Artística
Últimas horas para anotarse na IV Marcha BTT da Troita, que terá lugar este domingo 21 de maio, a partir das 9:30 horas, organizada polo Club Ciclista Tambre Bike en colaboración co Concello de Oroso. Trátase dunha ruta non competitiva de 43 quilómetros polos municipios de Oroso e Ordes na que xa están inscritos máis dun cento de ciclistas. O prazo de anotación estará aberto ata as 23:59 horas do mércores 17 de maio na web www.emesports.es. O prezo son 10 euros.
A IV Marcha BTT da Troita terá unha dificultade técnica e física media, onde a súa característica principal será a rapidez coa que se pode executar debido ao seu escaso desnivel. Isto permite que sexa unha ruta para todos os públicos que transcorre aproveitando uns cantos quilómetros do trazado do gasoduto que atravesa os concellos de Ordes e Oroso, tramos con vellas corredoiras e zonas máis ou menos técnicas, con algunha sorpresa para un sector central totalmente inédito.
O Camiño Inglés volverá a ser protagonista nun dos seus treitos, na parroquia ordense de Poulo, así como o novo circuíto BTT “Monte da Costa”, en Trasmonte (Oroso), que o próximo mes de xuño acollerá o Primeiro Trofeo XCO Concello de Oroso. A proba rematará cunha subida ao “Coto da Pena”, dende onde se iniciará o descenso a meta de Sigüeiro. A recollida de dorsais terá lugar ás 8:30 horas do domingo na piscina municipal de Sigüeiro, dende onde terá lugar a saída ás 9:30 horas. A proga está organizada polo Club Ciclista Tambre Bike, en colaboración co Concello de Oroso, a Deputación da Coruña e Coca-Cola.
Tarde de patinaxe
Dentro deste domingo deportivo en Oroso, a partir das 16:00 horas terá lugar o VI Campionato de Patinaxe Artística, organizado polo Club Patín Oroso en colaboración co Concello de Oroso. Un campionato que terá lugar no pavillón Juanito Amigo de Sigüeiro e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Mari Carmen Pescados e Mariscos, Estación de Servicio Os Carballos, Neumáticos Pájaro SL, Euro Tyre, Autos Grabanxa, Equip@T, Ríos Sangiao, Chinto grupo inmobiliario, Autoservizos Familia, ImaxSon, Centro Deportivo, SI Impresiones, Sabugueira, Restaurante El Cortés, Eulogio Viñal Obras y Construcciones, Agrícola Noroeste e hotel-restaurante San Paio.