O programa desenvolverase do 22 ao 26 de maio
Un total de oito grupos (cinco do municipio e tres doutras localidades) subiranse ás táboas do Auditorio Municipal para participar na XX Mostra Infantil de Riveira: un evento que terá lugar entre os días 22 e 26 do presente mes de maio.
A concelleira de Educación e Cultura, Herminia Pouso, foi a encargada de presentar a programación, que arrancará o luns 22 coa actuación do grupo de teatro da ANPA Bandaseca do CEIP Salustiano Rey Eiras da Pobra con “Sueño de una noche de verano” de Genma do Carmo.
O martes 23 actuará o grupo de teatro da ANPA do colexio Bayón con “La bella y la bestia”, de Gabrielle-Suzanne Barbot de Villeneuve.
O mércores 24 haberá dúas funcións: primeiro subirá ao escenario o grupo de teatro do colexio A Milagrosa de Oleiros con “La mansión fantasma”, de Carmen Gil; e a continuación o obradoiro de teatro do CEIP O Grupo con “Máis educanción” de Daniel Gómez Ramil.
Carlos Casares
O xoves 25 o grupo de teatro da ANPA Monte Tahume do CEIP Olveira porá en escena “Recreo” de Nancy Frey e José Placer; mentres que acto seguido actuará o grupo de teatro da ANPA Felipe Castro de Noia con “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” de Carlos Casares, homenaxeado mañá no Día das Letras Galegas.
Para rematar, o venres 26 abrirase co grupo de teatro do colexio Bayón e a obra “Rapunzel” dos irmáns Grimm e despois o grupo Teatrando Alecrín de Lousame representará “O baúl musical” de Adriana Castro.
Cada día de función arrancará ás 20 horas, podéndose retirar as entradas (gratuítas) dende media hora antes.
Herminia Pouso destacou a colaboración da Deputación da Coruña e a asociación cultural Alfaia, así como de Segundo Durán e Cipriano Fernández.