A biblioteca municipal e a Alameda serán os escenarios das distintas citas que terán lugar dende este xoves ata o vindeiro sábado pola tarde
O Concello de Ordes ten programado conmemorar o Día das Letras Galegas cunha serie de actos dirixidos a xentes de todas as idades. O obxectivo principal é dar a coñecer e promover a obra de Carlos Casares, a quen este ano se lle dedica tan notable data.
A biblioteca municipal inaugurará o vindeiro xoves, 18 de maio, unha mostra composta por distintos paneis, así como fondos bibliográficos e diversos estudos nos que se repasa a vida e a actividade literaria do autor ourensán. O venres novamente a cita está posta na biblioteca, onde a partir das 18.30 horas os nenos e nenas de 4 a 7 anos poderán asistir, tras inscrición previa, ao contacontos titulado Contos de marmeleiro, anís e limón. Xa de cara ao sábado a partir das 19 horas haberá monicreques na Alameda de Ordes. A compañía Seisdedos ofrecerá o espectáculo Cocer e cantar, no que dous músicos metidos a cociñeiros prepararán unha sopa de cocido solidaria moi especial para repartir entre o público. No caso de chuvia a actividade trasladarase á Casa da cultura.
Na realización de todas estas actividades participan o Concello de Ordes, a Rede de bibliotecas de Galicia a través do programa Ler conta moito (Xunta de Galicia) e a Deputación da Coruña.