A xuíza encargada das dilixencias abertas ao concelleiro Jorge Duarte polo caso dos expedientes abertos a varios locais de hostalería notificou esta mañá o arquivo da causa, ao entender que o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade non cometeu delito de prevaricación. O alcalde e Jorge Duarte informaron da decisión xudicial nunha rolda de prensa na que mostraron a súa satisfacción porque “o auto ratifique o que o Goberno defendeu ao longo de todos estes meses: que só actuou buscando a máxima seguridade xurídica”.
O alcalde explicou que o auto de arquivo das dilixencias previas “é provisional, porque hai tres días para presentar recursos”, pero mostrouse convencido de que “non haberá ningún cambio porque o auto é o suficientemente contundente”. Martiño Noriega confirmou que o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade recuperará as competencias en materia de licenzas e disciplina urbanística, que lle foran delegadas temporalmente ao edil Xan Duro despois da citación xudicial a Jorge Duarte.
Pola súa banda, Jorge Duarte mostrou a súa satisfacción polo arquivo das dilixenciase reiterou que “sempre tiven a conciencia tranquila porque actuei antepoñendo a seguridade xurídica a ningunha outra consideración”.