O proxecto conta cun orzamento de 617.000 euros e afecta a un treito de 1,8 quilómetros no que se prevé tamén a rehabilitación da calzada onde sexa preciso
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, anunciou a licitación que hoxe mesmo publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) do proxecto de construción dun itinerario peonil na estrada AC-840 ao seu paso polo concello de Curtis. A actuación, a cargo da Consellería de Infraestruturas, suporá unha inversión de máis de 617.000 euros, destinados a mellorar a seguridade viaria dos veciños da zona.
A actuación consiste na creación dun itinerario peonil de preto de 1.800 metros pola marxe dereita da estrada entre os quilómetros 20,140 e 21,190, a partir do bordo da actual plataforma. A obra inclúe, así mesmo, a reforma da intersección no punto quilométrico 21,230, mantendo o carril de deceleración e o carril central de espera existentes. Ademais de rehabilitar a calzada e ampliar a plataforma onde fose necesario, o proxecto contempla tamén a construción de dous muros de contención para o sostemento da estrada, que se atopa nunha cota superior na contorna do quilómetro 21,5. A obra completarase cos traballos de drenaxe e a sinalización correspondentes. As bases da convocatoria pódense consultar no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170515/AnuncioG0181-260417-0004_gl.pdf. O prazo de admisión das ofertas rematará o vixésimo sexto día natural seguinte ao da publicación do anuncio no DOG.
O delegado territorial na Coruña, que estivo acompañado polo alcalde, Javier Caínzos, destacou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a promover sendas útiles, sostibles e saudables para que os veciños poidan empregar as estradas de xeito seguro e accesible, ao tempo que mellora a seguridade de todos os usuarios das estradas da rede galega. Ovidio Rodeiro lembrou que, unha vez adxudicadas, as obras teñen un prazo de execución de seis meses, polo que espera que “de cara a finais de ano os preto de 4.000 habitantes de Curtis podan camiñar con tranquilidade por este treito, feito pensando neles”.
O Plan de Sendas de Galicia, que se desenrola co obxectivo fundamental de favorecer unha mobilidade segura e sustentable, concreta a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís. O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, destinará este ano un total de 10,5 millóns de euros ao Plan, que xa dispón de 40 proxectos aprobados.