A empresa Leonardo Miguélez S.L. comezou xa os traballos de construción das dúas sendas peonís que a Deputación da Coruña licitou a finais do ano pasado. Trátase dunha infraestrutura en dous tramos da que se beneficiará parte de Silvalonga e e o eixo principal de Santa Mariña, sumando en total 1.090 metros de novas beiravías. A construción destas infraestruturas responde a peticións veciñais que o Concello xa lle trasladara á Deputación en forma de proxecto hai cinco anos e que agora se levan a cabo a través do programa provincial de sendas peonís.
A obra contratouse en 125.150,30 € e está proxectada en dous tramos: o primeiro, de 230 metros, discorrerá pola marxe esquerda da DP-7603 no núcleo de Silvalonga, mentres que o segundo, de 860 metros, arrancará no lugar da Pena e seguirá polo lado dereito e sen interrupción ata ben pasado o lugar da Golpilleira, en Santa Mariña do Monte.
En ambos casos deseñouse unha beiravía de 2 metros de ancho en terreos que a Deputación xa tiña expropiados de cando se ampliara a estrada. As obras levarán aparelladas, ademais, a canalización de pluviais, tubaxes de drenaxe, nova sinalización e, nalgúns tramos, tamén varandas metálicas e nova sinalización.
As sendas peonís para Silvalonga e Santa Mariña son dúas aspiracións municipais que veñen de tempo atrás. Por iren paralelas a unha vía provincial xa en 2012 o goberno local lle presentara o proxecto á Deputación sen que se acadase ningún compromiso de execución, malia tratarse dunha reivindicación veciñal reiterada nas asembleas dos orzamentos participativos.
Hai ano e medio, en novembro de 2015, o Concello aproveitou a visita do actual responsable provincial de Infraestruturas viarias, José Manuel Pequeño, para volver tratar a cuestión destas dúas obras que, finalmente, se concretaron no contrato adxudicado o pasado mes de decembro.