A Xunta asinou un protocolo de colaboración para crear o “Gabinete de Información da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”
A Xunta asinou un protocolo de colaboración para crear o “Gabinete de Información da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, unha estrutura que aglutinará toda a información dispoñible sobre a Eurorrexión co fin de aumentar o seu valor en termos de iniciativas económicas, novas actividades, turismo ou innovación, entre outras.
Na sinatura participaron o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, por parte da Xunta; e o presidente da CCDR-N e da Comunidade de Trabalho Galicia-Norte de Portugal, Emídio Gomes; así como unha trintena de representantes de administracións locais, universidades, centros de ensino superior, sindicatos, empresarios e cooperativas, entre outros. A idea é seguir incorporando moitos outros socios que queiran traballar no eido da cooperación transfronteiriza.
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal participa nun proxecto europeo cuxo obxectivo principal é incrementar o desenvolvemento e o atractivo da Eurorrexión, a través do reforzo da cohesión territorial, económica e social; dinamizando un conxunto de axentes e de accións innovadoras dentro dos distintos ámbitos de cooperación transfronteiriza institucional.
Unha das actividades enmarcadas neste proxecto consiste en desenvolver un centro de recursos para a Eurorrexión, así como a promoción dese espazo a través da creación dun Gabinete de Información da Eurorrexión (GIE-GNP), unha estrutura que agrega toda a información dispoñible sobre esta zona e que permite a colaboración entre distintos axentes do territorio.
Difusión da imaxe da Eurorrexión
Este Gabinete de Información ten como obxectivos a creación dunha aplicación informática que permita o uso compartido da información a diferentes niveis, así como un espazo ou repositorio onde se aloxe toda a información da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Mediante estas ferramentas contribuirase á difusión e proxección -interna e externa- da imaxe da Eurorrexión; o que axudará a aumentar o valor desta, en termos de iniciativas económicas, novas actividades, recursos humanos cualificados, cantidade e calidade de turismo, produción científica e innovación, etc.
No seu discurso, Gamallo asegurou que “unha vez máis, a Eurorrexión amosa o seu compromiso coa cooperación porque as súas vantaxes están acreditadas”. “A experiencia demóstranos que cooperando gañamos todos, se somos quen de xerarquizar o gasto, evitando duplicidades innecesarias; se somos quen de coordinar os investimentos en favor do cidadán; se somos capaces de implicar á sociedade civil, xerando un clima de confianza mutua que estimule os negocios e o traballo conxunto”, concluíu o responsable das relacións exteriores da Xunta de Galicia.