Saturday 16 de November de 2024

Beatriz Mato invita aos axentes sociais a sumarse á tripla estratexia do goberno galego para o impulso do consumo responsable, a economía circular e o emprego verde


A conselleira de Medio Ambiente inaugurou hoxe unha xornada para abordar a xestión sostible dos residuos como unha medida favorecedora da Economía circular e contra o cambio climático

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, invitou aos axentes sociais a sumarse á tripla estratexia galega para o impulso do consumo responsable, a economía circular e o emprego verde. Así o manifestou hoxe, durante a inauguración dunha xornada organizada en colaboración con Sogama, que reuniu na Coruña a representantes das administracións locais, empresarios, profesores e estudantes universitarios con expertos e responsables de diferentes organismos competentes na materia, como é o presidente de honra da Fundación para a Economía Circular, Jean Pierre Hannequart. Esta iniciativa permitiu abordar a xestión sostible de residuos como unha medida favorecedora da Economía circular e contra o cambio climático.

Para alcanzar estes obxectivos “en Galicia temos dados pasos importantes para achegarnos a este sistema”, asegurou Beatriz Mato, como é a tripla estratexia que está a trazar o Goberno galego e no horizonte do 2050 situará a Galicia na vangarda do coñecemento sobre o cambio climático e na implantación dun modelo económico sostible e baixo en emisións á atmosfera.

Deste xeito, “poñeremos en marcha a Estratexia galega de Cambio Climático e Enerxía, que permitirá que a nosa Comunidade poida contribuír, de forma coordinada, realista e eficiente, a combater as causas que alimentan este cambio mediante a elaboración dun mapa de coñecemento sobre o fenómeno”. Tamén, continuou Beatriz Mato, “neste mesmo ano comezaremos a elaborar a Estratexia galega de Sustentabilidade Ambiental, que terá unha vixencia de oito anos e pretende crear unha economía eficiente, sustentable e baixa en emisións de carbono”. Por último, concluíu a conselleira, “xa estamos a tramitar a Estratexia galega de Economía Circular”.

Neste senso, a titular do departamento autonómico sinalou que “a correcta xestión dos residuos urbanos representa unha oportunidade na loita contra este fenómeno e o modelo económico circular é hoxe a única opción de futuro, pois baséase na premisa de converter os residuos en recursos”. Esta alternativa, engadiu Beatriz Mato, permitirá abandonar paulatinamente o “caduco” sistema lineal de fabricar, usar e tirar para transitar cada a un modelo circular no que se dea prioridade ao aproveitamento dos produtos.

Unha vez máis, a conselleira de Medio Ambiente reiterou que desde a Xunta de Galicia e, concretamente, desde o departamento que dirixe, “sumámonos con entusiasmo a esta filosofía da Economía circular porque entendemos que ten potencial para resolver os retos ambientais e porque proporciona oportunidades de negocio e crecemento económico”.

Medidas para a mellora do entorno empresarial
A titular do departamento asegurou que o desenvolvemento da tripla estratexia “permitiranos alcanzar o noso obxectivo de impulsar un consumo informado e responsable”, co que se reducirán os residuos e se alongará a vida útil dos produtos. Ademais, indicou que estas liñas mestras “incluirán medidas para a mellora do entorno empresarial, poñendo especial atención nas Pemes”.

De feito, a conselleira de Medio Ambiente puido presentar aos empresarios estas medidas durante unha rolda de contactos co sector na cidade da Coruña, na que, ademais, anunciou o liderado de Galicia, xunto con Valencia e Cataluña, nun grupo de traballo de Economía Circular e Fondo Europeos para acordar as posibles vías de financiamento de proxectos con fondos da Unión Europea e tamén revisar as propostas lexislativas sobre residuos, aumento da reciclaxe e redución de verteduras e mellora da xestión dos residuos.

A ampliación de Sogama
As accións postas en marcha pola Consellería de Medio Ambiente para a implantación do modelo circular completaranse coas obras de ampliación do complexo medioambiental de Sogama, que comezarán a executarse o vindeiro mes de xuño. Segundo explicou Beatriz Mato, esta actuación permitirá á Sociedade dar o “salto” á Economía Circular. A titular do departamento autonómico recordou que, dos tres sistemas de xestión de residuos en Galicia, “Sogama é o que logra unha maior porcentaxe de valorización material e enerxética, concretamente, o 76 por cento; e tamén a planta que menos residuos envía a vertedoiro, o 24 por cento”.

Sen embargo, “aínda queremos mellorar”, asegurou Mato Otero. Así, con esta ampliación, “queremos reducir o uso de vertedoiro a mínimos co obxectivo de chegar ao vertido técnico cero”, afirmou.

En definitiva, a titular de Medio Ambiente asegurou que “ou cambiamos ou non haberá recursos naturais suficientes cos que satisfacer as demandas dunha poboación mundial en continuo crecemento”. Ademais, lembrou que a “Unión Europea está a marcarnos as pautas para seguir na transformación e o Goberno galego está en plena sintonía”.