Na praia de Espiñeirido e no entorno de Pedra da Ra
Esta fin de semana terá lugar no noso municipio a segunda edición da iniciativa Riveira Weekend: unha proposta que combinará surf, bodyboard e descenso en bicicleta de montaña (DH) con outras actividades máis lúdicas.
Para falar desta acción compareceron hoxe no Concello os responsables da organización Álex Sebastián, Manuel Lama e Breixo Ventoso, ademais do concelleiro de Deportes Anxo Orellán.
A acción está organizada pola escola Grip Surf School, o club H2O, a tenda Mountain Bike e a marca local de roupa deportiva GNY. Desenvolverase durante os días 13 e 14 de maio e contará con máis dun cento de participantes: 60 nos certames de surf e bodyboard e 40 en descenso en bicicleta.
A programación arrancará ben cedo: mañá ás 9 horas na praia de Espiñeirido na que se celebrará a proba de surf e bodyboard con cinco categorías: surf open, surf junior, body open, body junior e surf femias.
Polo que respecta ao descenso en bicicleta, a proba terá lugar no entorno de Pedra da Ra, acollendo de 11 a 13 horas os adestramentos e entre as 15 e as 18 horas a competición.
DJs e xogos populares
De 19 horas á medianoite o foco de atención trasládase á rúa Alcalá Galiano en Santa Uxía, onde haberá distintas actividades lúdicas como exhibición de DJs e xogos populares, ademais dunha entrega de premios.
Xa o domingo, continuará o certame de surf en Espiñeirido entre as 8.30 e as 15 horas para completar unha fin de semana que, en palabras de Anxo Orellán, pretende promocionar uns deportes que están arraigando moi forte nos últimos tempos no municipio.