Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Oroso aproba definitivamente os orzamentos de 2017, que ascenden a 6,15 millóns e destinan 1,7 millóns a investimentos


O pleno rexeitou a alegación presentada por unha veciña

O pleno municipal de Oroso aprobou definitivamente o orzamento municipal para 2017, que ascende a 6.154.426,92 euros e contempla máis de 1,76 millóns de euros en investimentos reais. Unhas contas que foron aprobadas esta mañá, tras desestimarse unha alegación presentada por unha veciña e repetirse o mesmo sentido do voto que na aprobación inicial, é dicir, 8 votos a favor de PSOE e BNG, 4 abstencións do PP e o voto en contra de Anova.

Tanto o grupo de Goberno como o BNG apoiáronse no informe da Intervención Municipal, que establecía que a alegación presentada non se atiña a ningún dos supostos establecidos no artigo 170 da Lei Reguladora das Facendas Locais para poder ser aceptada, polo que procedía a súa desestimación. O voceiro municipal do BNG, Xosé Pérez, lamentou que dende Anova non se xustificase o seu apoio á alegación: “despois de ler o que di o Interventor, que aconsella a desestimación da alegación, pensei que habería algunha argumentación por parte dos que apoian a alegación”.

Un punto no que o voceiro de Anova, Siverio Mirás, se limitou a afirmar que apoiaba a alegación. Pola súa banda, o voceiro do PP, Alexander Doval, indicou que se absterían para manter así o mesmo sentido de voto que na aprobación inicial do orzamento. O voceiro do PSOE, Antonio Leira, preguntou se a alegación a presentaba realmente unha veciña ou era a alegación que o voceiro de Anova anunciara na sesión do pasado 31 e marzo, o que provocou a risa de Siverio Mirás e a contestación do alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen asegurou que “a alegación firmouna outra señora pero faina o señor Siverio”.

Orzamentos

Os Orzamentos do Concello de Oroso para 2017 ascenden a 6.154.426,92 euros e destinan 1.763.766,32 euros a investimentos reais, dos que a propia administración municipal achegará 508.923,63 euros procedentes de fondos propios. Uns investimentos entre os que destacan as achegas destinadas a infraestruturas, deportes e ensino.

Así, o Concello destinará máis de 700.000 euros en melloras nas súas infraestruturas deportivas, das que máis do 50% destinarase a dous dos proxectos máis demandados pola cidadanía: a construción do novo campo de fútbol municipal (470.765 euros) e a ampliación da piscina municipal (99.439 euros). Tamén se contempla unha achega de máis de 46.000 euros para mellorar o alumeado dos campos de fútbol de Sigüeiro e Deixebre, onde tamén se instalará unha rede de rego.

O Concello de Oroso tamén reserva unha importante achega para melloras nos centros educativos do municipio por máis de 110.000 euros. Ao agardado paso cuberto do CEIP de Sigüeiro, unirase este ano o peche da pista polideportiva do novo CEIP do Camiño Inglés como obras máis significativas. A achega máis importante, cuantitativamente falando, destinarase á mellora da rede viaria municipal.

O Concello de Oroso investirá 328.659,25 euros nun proxecto de mellora da rede viaria nos lugares de Piñeiro e a Costa – Zan (Trasmonte), Valverde-Berdomás (Vilarromarís), Piñeirón-Porto Avieira, Piñeirón-A Falmega, Rúa Celso Emilio Ferreiro e A Igrexa-Porto Avieira (A Gándara) e Mixoi-Castiñeiro Redondo (Calvente). Así mesmo, o Concello de Oroso destinará os 164.512,23 euros do Plan Complementario da Deputación á mellora da rede viaria nos lugares de Oroso de Abaixo (A Gándara) e A Igrexa (Deixebre).

A segunda achega máis cuantiosa é a destinada á reurbanización de tres rúas na capital municipal: rúa Tras da Torre (169.481,07 euros), Camiño do Refuxio (125.768,04 euros) e rúa do Barreiro (70.299,63 euros). A estes proxectos hai que sumar a reposición da sinalización horizontal nas principais estradas rurais do municipio, a reparación do chan do salón de plenos do Concello, a ampliación do alumeado público na Estación de Oroso, Alto de Vilanova e Vilalbarro, así como o cambio de pavimento do parque infantil do Carboeiro